sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

Pedro Cabarcos: "Síntome como un traballador da arte, o tempo dirá si teño o título"

Pedro Cabarcos. JOSÉ Mª ÁLVEZ
Pedro Cabarcos. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Este profesor de pintura xubilado foi seleccionado coa sua obra ‘Ana’, adicada á súa irmá, para participar no concurso National Portrait Gallery de Londres entre miles de cadros que se presentaron.

Un café a media mañá en Burela servíu para coñecer en persoa a Pedro Cabarcos (Vilalba, 1955). Un home cunha gran facilidade de palabra, xubilado hai xa catro anos da súa profesión de mestre, que exerceu nos últimos 27 anos no IES Montes Castelo, aínda que antes pasou por Vilagarcía de Arousa e Verín. Con 65 anos foi selecionado fai poucas datas para participar na National Portrait Gallery de Londres, sendo elixido o seu cadro xunto con outros 300, entre uns tres mil.

O primeiro que teño que facer es felicitalo a vostede.
Grazas.

Que significou ser seleccionado para estar en Londres? 
É como aprobar unha oposición a pintor. Date conta dos datos de anos anteriores, donde foron seleccionados 290 cadros de entre 2.500. É como se me dixeran que o camiño que emprendín é o correto.

Que obra presentou?
É un cadro que se titula ‘Ana’, en referencia a miña irmá. Foi un cadro que lle regalei a ela con ocasión do seu cumpreanos, o 26 de xullo. Tardei catro días en pintalo, aínda que logo tiven que facerlle retoques no taller.

E como foi que o mandou?
Era a cuarta ocasión en que mandaba un cadro a este concurso. Tés que mandar unha fotografía do cadro e eles, dentro dos miles que reciben, elixen uns 300. Agora, o 10 de febreiro, hai unha segunda seleción, onde elixen en direto o xurado, uns 40 o 45, que xa están nunha exposición permanente todo o ano. E os gañadores elixenos nunha gala en maio.

É dicir, o seu cadro xa está físicamente alí?
Sí, xa o mandei.

Tivo vostede algunha referencia familiar para pintar?
Si. Teño un irmán maior, Enrique Cabarcos, que ten un estudo en A Coruña, Factoría Gráfica, que ten varios premios. Pero na miña casa sempre houbo un ambiente cultural, estar en contacto coa arte era importante, como ler.

A que se adicaban profesionalmente seus pais?
Miña nai, que aínda vive e vai cumprir 99 anos, foi ama de casa, e meu pai foi traballador do Sindicato Vertical, un home pro réxime, co que tiven a miñas diferenzas ideolóxicas, pero el sempre me apoiou en todo, como para estudar Belas Artes.

Onde estudou?
Fun a Madrid. Para entrar en Belas Artes había que pasar un exame, onde se presentabn 500 e pasaban 25. Eu non entrei. Ao final estudei Historia da Arte.

Que tal esa época en Madrid?
Agora vou e vexo un Madrid menos familiar, pero entón para min era inmenso. Eu viña dun pobo e con cero información. Lembro que traballei nunha cerámica con tres exiliados chilenos da época de Pinochet, e cun membro do PCE. Foi cando empecei a abrir os ollos á política e tamén aprendín a falar galego cos meus compañeiros de piso, como José Luis García.

Como ve a cultura en España na actualidade?
Mal. Vouche contar que coas leis que hai no Estado español eu non podería mandar o cadro a este concurso. Se o gañara, o Estado retiraríame a pensión de xubilación, porque só podes ter un pagador. En cambio, podo ter pisos en aluguer e cobrar por elo, pero non podo cobrar por un traballo artístico. Calquer persoa que faga unha actividade cos seus recursos debería poder vendelos e pagar por eso o seu IRPF.

Que lle pide entón ao novo Goberno do PSOE e Podemos que leva pouco tempo funcionando?
Espero que aprobe unha lei fiscal para que non se nos confine aos montes a morrer de inanición por persoas maiores. Que haxa unha lei para poder seguir traballando en calquer ámbito pagando os nosos impostos.

Que lle parece cando algunhos cineastas na entrega dos Goya pedían máis axudas para o cine español?
Páreceme ben para todos os ámbitos creativos, pero tamén para a investigación, por exemplo. A creatividade é básica para o mundo. Un desos que agora lles chaman emprendedores non deixan de ser persoas creativas.

Síntese vostede un artista?
Eu síntome como un traballador da arte, coa pintura neste caso. Eu penso que a arte trascende no tempo, polo que o tempo dirá se teño ese título de artista.

Pedro Cabarcos: "Síntome como un traballador da arte, o tempo dirá...
Comentarios