Paula Jorge Horta: "Nas redes sociais son espontánea e a xente reacciona"

É unha das protagonistas da serie 'Superheroínas' da Real Academia Galega e a USC, destacándoa entre as "novas voces para a lingua". Sae na TVG en 'Land Rober' pero o seu día a día está en Burela, Mondoñedo e redes como Instagram e Tik Tok
Paula Jorge Horta. M. ANLLO
photo_camera Paula Jorge Horta. M. ANLLO

Madia leva a estar entre as elixidas Superheroínas que promoven o uso cotián do galego entre a mocidade. A burelesa Paula Jorge Horta ben podería multiplicar o número de fans de elixir o castelán ou o inglés para os seus vídeos de Instagram, Tik Tok e outras redes sociais pero prefire postear no seu idioma e conectar coa xente como mellor lle gusta. Por iso a chamaron para o programa Land Rober e está no proxecto audiovisual de José Manuel Diego Ferreira que tamén destaca a cociñeira Lucía Freitas, a poeta Alba Cid, a cantante Andrea Pousa, a creadora de videoxogos Laksmy Irigoyen, a xornalista Esther Estévez ou a fotógrafa Antía Castro.

Non lle tenta cambiar de idioma para ampliar a audiencia?
Practicamente todos os meus vídeos son en galego, en castelán multiplicaría seguidores pero prefiro a lingua coa que medrei e falo. A miña canle diaria é Instagram como pau_jh e teño recibido mensaxes por contidos de Tik Tok pedíndomos en castelán. Elixo non ter as mans atadas, con menos seguidores e bos, sen amoldarme para conseguir moitos. 

O galego como vai nas redes?
Vai indo. Non é tanto. Ao mellor te pos a mirar en Tik Tok e sae un vídeo en galego entre 50, pero antes non vías ningún. Tampouco é o mesmo un creador de contido en galego que os que os fan en castelán e se lles nota que son galegos.

Como a elixiron para este proxecto de Ciencias da Comunicación?
Contactaron comigo fai tempo, logo viñeron máis entrevistas. Vivo en Burela e estudo para opositar como mestra de inglés pois formeime na Universidade de Vigo. Mentras, traballo nun bar en Mondoñedo e coido de meu pai, que é maior e está maliño.

E o das redes sociais como o atende? Como é o día a día?
É todo moi espontáneo, son moito de facer tonterías e se vou pola rúa en Burela ao mellor gravo unhas obras e a xente reacciona. Ou se vexo uns cabalos en Mondoñedo pregunto que nomes lles poñerían. Gústanme as enquisas e ‘posteo’ nas redes sociais por saber da opinión dos demais. 

E o mesmo sae no Osa do Mar que estes días promociona o Breason de Mondoñedo desta finde.
Traballo no centro social Vinoteca Segundo e a asociación xuvenil Xoldra celebra os 25 anos e como son amigos aproveito para divulgarlles os actos e concertos, que están súper ben. Mondoñedo, de onde é meu rapaz e fotógrafo habitual, é unha vila que está facendo bastantes actividades.

Tamén divulga sobre temas de moda e maquillaxe.
Non teño unha comunidade que me siga por isto, non me vexo como unha guía de maquillaxe, fágoo para que os negros pensen que se poden maquillar e con axudarlle a tan só unha persoa e se vai a unha tenda atope produtos para ela, xa me daría por satisfeita. É triste non ter unha base de maquillaxe apropiada para ti e ter que mercar dúas ou tres para mesturalas. A sociedade é multicultural e isto non debería pasar. 

Estudou no Monte Castelo e foi á universidade en Ourense, nestes anos veu avanzar o empoderamento da muller en xeral e das caboverdianas en particular?
De pequena recordo que tiñan que estar dedicadas á casa e aos fillos, pero agora traballan fóra e teñen relacións de amizade con outras mulleres, están máis abertas.

Ao ver os seus vídeos, o verde, en concreto o pistacho, é moi protagonista. Ten algún significado aparte de que lle guste?
A verdade, uso moito rosa e para contrarrestalo poño o verde.

Co show televisivo, como lle vai?
Por agora só fun dúas veces ao Land Rober contar historias e espero que coa experiencia e o tempo os nervios vaian a menos e o faga mellor. Nunca fixera tele, só actuara como actriz de reparto na serie Argonautas.

Ten esperanzas en obter praza nas oposicións a mestra de inglés?
Son o ano que vén e só hai unha praza en toda Galicia...máis que nada estudo para non perder o hábito e actualizarme coa nova lei educativa, pero hai moita xente con puntos e xa traballando.

Comentarios