De paseo nas feiras das San Lucas

Mondoñedo vive unhas festas distintas e limitadas, pero quentando motores xa para as de 2022
O polbo das San Lucas segue reunindo familias e grupos de amigos, ata ben entrada a tarde.
photo_camera A chuvia obriga a sacar paraugas pero non desanimou á xente. PALEO

Non por contar con restricións as San Lucas perden forza porque non sería o mesmo rematar a temporada de festas na Mariña sen dar un paseo por Mondoñedo. Aínda que o tempo non acompañou moito (algo bastante habitual nestas festas), as rúas da cidade buliron de xente o sábado, e o domingo volven facelo, para desfrutar dun programa limitado no que, por exemplo, aínda non hai barracas, pero que intenta equilibrar o coidado da saúde con manter a tradición que conlevan estas feiras.

Onte achegaronse á cidade os primeiros que quixeron probar o polbo, que si que non pode faltar. E os que non se perden os concursos de cabalos. Foi o concurso morfolóxico de cabalos de pura raza galega, no que se alzaron coa victoria Tamaga en femias e Jalisco en machos; os dous de Marcelino Freire de Oza-Cesuras. Estes dous exemplares tamén se fixeron coa Copa Galicia. Ademais, a Praza da Catedral recibiu a caravana de tractores clásicos, que este ano foi en homenaxe a Miguel Fernández Cendán, falecido recentemente en accidente de tráfico. E no apartado musical destacou o encontro folclórico, o concerto de Roi Casal e actuación de Tania Veiras.

Hoxe volverán os cabalos ao recinto da Granxa co concurso de andadura e chapeada, e renderase homenaxe a Pascual Veiga e aos emigrados arxentinos que custearon o mausoleo de Leiras Pulpeiro. Na parte literaria presentaranse os libros Crónicas das San Lucas 2015-2020 e Episodios mindonienses e na musical o Grupo Beatriz tocará na Alameda.

Os máis pequenos tamén teñen o seu espazo nestas festas no pavillón, de catro a sete da tarde, con xogos e inchables para que desfruten ao seu aire.

CONTRA O MACHISMO. Estas feiras tamén contan con puntos de atención e información contra a violencia de xénero. Están situados na oficina de turismo e no centro de saúde, ademais de nas farmacias da cidade.

Comentarios