martes. 20.10.2020 |
El tiempo
martes. 20.10.2020
El tiempo

O Parlamento urxe por unanimidade ao Goberno un prezo eléctrico "estable"

Unanimidade na votación deste martes no Parlamento. EUROPA PRESS
Unanimidade na votación deste martes no Parlamento. EUROPA PRESS
BNG e PSdeG apoian a proposta do PP, pero lembran á Xunta as súas "competencias exclusivas" en materia industrial 

O Parlamento galego volveu a aprobar por unanimidade unha iniciativa do PPdeG para que a Xunta a pedir ao Goberno central a aprobación dun estatuto para a industria electrointensiva que fixe un prezo enerxético "estable". Ademais, a proposta solicita ao Estado que estude que a planta de Alcoa San Cibrao, pendente de pechar esta semana a súa venda a Liberty House, opte aos fondos de reconstrución da Unión Europea. 

Trátase dunha das tres proposicións non de lei (PNL) que saíron adiante no pleno ordinario deste martes e, por tanto, as primeiras da XI Lexislatura. A encargada de defendela foi a popular Elena Candia, quen elevou esta cuestión a "unha das principais preocupacións" do seu partido. 

E é que, aínda que o expediente regulador de emprego (ERE) presentado para a planta –executarase se ao final de semana non hai un acordo de venda– afectará "directamente a 534 familias", están en xogo moitos outros postos por, aseverou, "o efecto indirecto" que tería na comarca da Mariña a perda de actividade industrial. 

"Estamos nunha semana crucial", advertiu, para seguidamente afear ao Goberno a súa "ausencia" e non estar "á altura das circunstancias" para fixar un prezo eléctrico estable. 

De feito, Candia criticou que fose en outubro de 2018 a "primeira vez" que o Executivo estatal, a través da ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribeira, anunciaba o estatuto no Congreso, mentres que non foi até febreiro de 2020, tras dous procesos de eleccións xerais, cando o Goberno presentou unha proposta "que non contentou a ninguén" nin daba "ningunha solución".

UNHA SEMANA "DECISIVA". Ante unha semana "decisiva" para o futuro de San Cibrao, Elena Candia dirixiuse aos traballadores –que precisamente este martes cortaron a A-6 con barricadas a modo de protesta–, para dicirlles que "non lles quede a sensación de non intentalo todo", aínda que finalmente o ERE termine por executarse. 

Pola súa banda, o deputado do PSdeG Martín Seco defendeu o voto a favor do seu grupo pero lamentou que "o fin do PP é gañar as eleccións" empregando o conflito da fábrica, mentres "esconde as súas competencias detrás dunha crítica obsesiva" ao Goberno de España "por non ser da súa cor". 

A pesar de apoiala, cualificou a proposta de "completamente extemporánea", en parte porque a propia Alcoa "xa dixo que non continuaría coa súa actividade aínda que a enerxía fose gratis", e porque a iniciativa pretende buscar uns fondos europeos "que aínda non están desenvolvidos". 

Tras afirmar que "o compromiso" do Goberno de España polo "mantemento dos postos de traballo" en San Cibrao é "evidente", o socialista instou ao PP a lerse o artigo 30 do Estatuto de Autonomía de Galicia, "onde di que (a Xunta) ten competencias exclusivas en materia de industria", para urxir a aprobación dun plan para a comarca da Mariña. 

Seco tamén apuntou a "falta" de política nesta materia por parte da Administración galega, xa que, segundo as súas cifras, a Comunidade perdeu 23.000 postos de traballo no sector desde 2009 e o índice de produción industrial baixou un 2,5 por cento no últimos catro anos. 

Ademais, non obviou que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, "agochou" a palabra 'industria' do seu Goberno, posto que, coa última remodelación, a Consellería de Economía, Emprego e Industria pasou a ser de Economía, Empresa e Innovación, cuxo titular continúa sendo Francisco Conde, agora vicepresidente segundo.

A XUNTA E "A ESTRATEXIA DA AVESTRUZ". Por parte do BNG, Noa Presas tamén ironizou con que a Xunta "chapase" a palabra 'industria', do que se serviu para afear a Feijóo e ao PP que "practique a estratexia da avestruz". 

Neste sentido, aínda que a nacionalista dixo que "parece que o Goberno se esforzou en facer as cousas realmente mal", lembrou que no ano 1998 o Executivo, con José María Aznar á fronte, "malvendeu" a planta pública a Alcoa: "E iso que nos deixou, máis aló de perdas económicas? A perda do control e de fiscalización dun sector estratéxico". 

"E o resultado é o que vemos no presente: hai unha empresa privada que está a facer unha chantaxe permanente ás institucións e a este país", engadiu Presas, quen insistiu en criticar que Alcoa "non estea a cumprir coas regras de xogo e busque desculpas para non dar pasos adiante" no acordo con Liberty. 

Por todo iso, a emenda á iniciativa do PP que presentou o Bloque, que tamén foi rexeitada, versaba sobre a necesidade de apostar "sen fisuras" por "unha tarifa eléctrica galega" e pola intervención pública da factoría de aluminio. "Temos que ter un plan B segundo o que pase o domingo. Se non hai unha venda ou unhas condicións adecuadas, que facemos? Mandamos unha coroa de flores á Mariña?", ironizou Presas.

A ALCALDES SOCIALISTAS: "CHAMEN A MADRID". Na súa réplica, a popular Elena Candia afeou ao Bloque que deixase "tirados" aos traballadores de Alcoa co acordo alcanzado en xaneiro co PSOE para a investidura de Pedro Sánchez, xa que contemplaba a aprobación urxente do estatuto electrointensivo. 

Desde a tribuna, a exalcaldesa de Mondoñedo e presidenta do PP de Lugo tamén fixo un chamamento aos alcaldes socialistas da Mariña para instalos a "que descolguen o teléfono e chamen a Madrid e lle digan á ministra de Industria (Reyes Maroto) que acabou o verán". 

En palabras de Candia, con San Cibrao "non basta unha venda". "Vímolo na Coruña e Avilés, necesitamos un proxecto sustentable e viable", concluíu. 
 

O Parlamento urxe por unanimidade ao Goberno un prezo eléctrico...
Comentarios