As panchas xa moveron este mes 60.000 euros en Ribadeo

O concelleiro de desenvolvemento local, Pablo Vizoso, fai un balance positivo do volume de negocio alcanzado nos 114 locais adheridos
undefined
photo_camera O alcalde e o edil de desenvolvemento, na presentación da campaña . FN

A 60.000 euros ascende o volume de negocio arredor dos pagos no comercio e hostalería ribadense coa moeda dixital, na campaña das panchas 2021 que promove o Concello de Ribadeo.

O edil de desenvolvemento local, Pablo Vizoso di que "o venres ordenouse o primeiro pago aos establecementos participantes, tras axustar todo o sistema informático que implicou o proceso de dixitalización da campaña das panchas 2021. É dicir, onte recibiron en euros as panchas coas que os seus clientes abonaron as súas compras ou consumicións, xa sexa no comercio, na hostalería ou nos servizos". Vizoso Galdo subliñou que agora os pagamentos terán periodicidade semanal.

O concelleiro fixo balance positivo da terceira edición da campaña. "Estamos satisfeitos pola participación, xa que contamos con 114 establecementos adheridos nesta edición. Polo que vemos o volume de negocio está xa en 60.000 euros".

Os establecementos de Ribadeo recibiron o venres o primeiro abono en euros equivalentes ás panchas coas que pagaron os clientes 

"O Concello puxo a rodar -di Vizoso-, 600.000 panchas o pasado 1 de setembro para facer medrar a economía local, apoiando o comercio de proximidade, a hostalaría e o sector servizos de Ribadeo. Este ano quixemos dar un paso máis dixitalizando todo o proceso de adquisición e de compra e simplificando todas as operacións. Deste xeito tanto para comprar as panchas como para facer os cobros unicamente se precisa un teléfono móbil tipo smartphone. Así as panchas poderán adquirirse dende o móbil en fraccións de 30 euros, polos que se obterá un contravalor de 40 panchas, e ata un máximo de 7 packs por cada persoa participante, o que supón que por cada 210 euros obtéñense 280 panchas. E o Concello axuda con 10 euros por cada 30".

Engadiu ademais que "para adquirilas simplemente hai que entrar na web e seguir os pasos que se van indicando para descargar o panchaPeto, o moedeiro dixital que se poderá ir enchendo ata un máximo de 280 panchas. Este moedeiro consta dun código QR que se irá actualizando cada vez que se faga un pago con esta moeda".

Vizoso subliñou que "aquelas persoas que non se sintan cómodas empregando o teléfono móbil para comprar e descargar a aplicación das panchas teñen tamén á súa disposición os servizos de desenvolvemento local do Concello de Ribadeo, na planta superior, onde lles axudarán e guiarán persoalmente para facer este sinxelo proceso para conseguir en papel o seu código QR e poder mercar nos establecementos adheridos".

Vizoso anima "á veciñanza de Ribadeo, doutros puntos da contorna ou de calquera lugar a facerse coas súas panchas e que veñen disfrutar das fins de semana ou das pontes festivas. Queda tempo e aínda quedan panchas".

A campaña estará activa ata o vindeiro 31 de decembro.

Comentarios