Paixón pola gandería

O xovense Cesáreo Eijo amansou dous bois de raza galega nestes últimos días de confinamento

A nostalxia polas antigas tarefas do campo de quen viron e viviron xunto con seus pais aqueles traballos levaron ao xovense Cesáreo Eijo a restaurar hai xa uns dez anos un carro, que ten case un século, co que ían recoller estrume ou comida para o gando, e leña para o inverno. De feito, tivo que poñerlle fungueiros novos. Este veciño conservou non só ese aparello familiar senón tamén algúns apeiros de labranza. Esta semana sacou por primeira vez o carro do alpendre para xunguir nel dous bois novos, dun ano de idade, que se chaman Gallardo e Artillero.

Semellante iniciativa xurdiu durante o tempo de confinamento, aínda que xa lle rondaba na cabeza dende hai tempo. "Isto foi o que vivín eu e tiña a ilusión de volver xunguir as vacas". Sen embargo, foron os bois marelos do país mercados en Outeiro de Rei os que se puxeron á fronte del. Conta que son animais mansos que colleu só tres días antes para ver se eran capaces de andar coa corda detrás del, e así foi. "Viñan a min no pasto e deixábanse tocar e como tiña gana de recordar o que fixera de pequeño por iso decidín facelo".

Isto aconteceu hai tres semanas, cando chamou a outro veciño ao que tamén lle gusta isto para que lle axudase cun experimento que saíu de perlas. Xunto con Antonio Paleo, Cesáreo explica que "collín un caldeiro para atraelos e puxémoslles a corda aos cornos. Ao día seguinte xa viñeron e non intentaban escapar, polo que ao portarse ben anímante a seguir, dáche satisfacción e volves facelo". "Se seguen así, igual imos a campionatos de arrastre, se teño tempo, pero antes quero probar a que tiren por unha grade e logo probarei a colocar un rastro sobre o que se poñen os pesos para que den paseos con el, como fan en Asturias, onde hai moita tradición", explica Eijo.

A primeira proba consistiu en poñelos a tirar polo carro este luns pasado, pero ao ser a primeira vez aínda "teñen que aprender a xirar, para rabexar", indica. Cesáreo pensa que "se os pillas todos os días cada vez van mellor". De calquera xeito, ámbolos dous veciños amósanse satisfeitos co seu comportamento, pois era só a cuarta vez que os xunguían.

O xovense sinala que os bois acostúmanse a ir dun lado ou outro e "se os cambias de sitio xa non andan igual". Para esta proba usaron un xugo da molida suxeito sobre a cabeza dos animais, aínda que na Terra Chá era máis habitual empregar o da canga, co que os bois tiran co peito, segundo comenta Paleo, quen indica que "a madeira dos xugos é de freixo e levan diante unha cruz para saber de que xeito poñelos. Antes usábanse correas de coiro, que non ceden como as cordas e amarran mellor", subliña.

Cesáreo Eijo é un namorado do campo e da gandería, a explotación está a nome da súa muller, pero é atendida por un empregado; pois el exerce de hostaleiro e dálle mágoa non ter máis tempo para estar cos animais que tanto lle gustan. Xunto da casa ten dez vacas, un touro e oito bois. A seu fillo tamén lle tira o gando, polo que lle comprou unha explotación en Ourol, na que conta con 85 cabezas para carne.

Comentarios