Un paciente do Hospital da Costa denuncia a longa lista de espera para facer unha proba cardíaca

Asegura que sofre taquicardias e leva case un ano agardando polo estudo ► Recorrerá á xustiza se non se soluciona o caso

O paciente da Mariña que denuncia a demora de case un ano nunha citación para unha proba de esforzo. SALVEMOS O HOSPITAL DA COSTA
photo_camera O paciente da Mariña que denuncia a demora de case un ano nunha citación para unha proba de esforzo. SALVEMOS O HOSPITAL DA COSTA

Un paciente do Hospital da Costa denuncia a demora de case un ano nunha citación para unha proba de esforzo. 

Os feitos remóntanse ao ano 2016 cando o home acude numerosas veces ao servizo de Urxencias con infeccións urinarias e cólicos nefríticos. Tras numerosos períodos de tempo con tratamentos antibióticos deciden facerlle unha ecografía, diagnostícase o seu mal e pónselle a tratamento. É entón cando comeza a sufrir taquicardias de ate 180 pulsacións, segundo informan desde a Plataforma Salvemos o Hospital da Costa.

Nese momento, nin os electrocardiogramas que lle fixeron nin un rexistro posterior da actividade do corazón en 24 horas reflectiron as taquicardias, polo que se lle solicita en  marzo de 2017 unha proba de esforzo que, segundo as indicacións do cardiólogo, deberá realizarse como moi tarde en  6 meses.

Receitáronme ansiolíticos, máis as taquicardias non desapareceron e a maiores teño mareos

É agora, neste mes de febreiro, cando o paciente decide contactar coa plataforma para poñer en marcha unha reclamación. 

"Receitáronme ansiolíticos, máis as taquicardias non desapareceron e a maiores teño mareos. Xa non sei se todo esto que me pasa é pola medicación que tomo, pola ansiedade ou se teño algo no corazón, teño medo de que un día me dé algo, necesito un diagnóstico", denuncia.

Desde o colectivo consideran intolerable tal situación. "Están a obrigar aos veciños a denunciar, e aínda por riba búrlanse da xente ao publicar nesas reportaxes a doble páxina tempos de agarda falsos para calmar o clamor popular, que comeza a ser preocupante para eles”, afirman desde a Plataforma Sanitaria.

Víctor Vila, o seu portavoz, define de "desfachatez" cifrar en quince días o tempo de espera para someterse a uns estudos cardiolóxicos "cando a xente está a esperar un ano ou máis".

Polo súa parte, o paciente afectado asegura que "se non me dan solución non dubidarei en acudir á xustiza".

Comentarios