Otero Regal: "Quero que 'Hai mulleres' poida verse sempre"

Despois de dous anos de xira esta mostra de cen esculturas e cadros cerámicos de Otero Regal está aberta este mes no Cenima de Foz
O artista Otero Regal, en Xunqueira. J.M. PALEO
photo_camera O artista Otero Regal, en Xunqueira. J.M. PALEO

O artista mariñán Alfonso Otero Regal expuso por primeira vez hai dous anos a súa particular homenaxe ás féminas, a mostra 'Hai mulleres'. Nestes cen cadros cerámicos e esculturas o autor plasmou os textos que sobre a muller lle escribiron máis dunha trintena de escritores, poetas e xornalistas. "O meu encargo foi que falaran sobre a muller nos seus textos e sobre os seus apuntamentos. Eu fixen uns bocetos que foron o xerme das obras que se poden ver na exposición", explica Otero Regal, quen tamén editou un libro cos textos e os bocetos feitos sobre eles. "É unha merecida homenaxe á muller", subliña.

Despois de dous anos de xira dende a súa inauguración no verán de 2019 na capela de Santa María de Lugo, a mostra pode visitarse no Cenima de Foz este mes, na que será a última oportunidade para vela. De momento, porque o desexo de Otero Regal é poder cedela a algún concello da comarca que poda albergala de xeito permanente, "porque é unha colección moi sinxela de ler".

Unha das obras da exposición 'Hai mulleres' de Otero Regal"Expoñer non se vai volver a expoñer porque é moita obra e pesa moito", asegura Regal sobre unha mostra que percorreu media España: "Estivo en A Coruña, Vigo, Ourense, Barcelona ou Madrid, neste último caso estivo na Casa de Galicia aberta só seis días porque foi cando se decretou a pandemia". Unha crise sanitaria que tamén foi o motivo de que se suprimiran do calendario expositivo outros puntos da península ibérica.

Nestes días que leva aberta en Foz, a mostra está a ter boa acollida. "Os trípticos editados acabáronse, polo que penso que está tendo visitas", asegura Regal.

NOVO TRABALLO. Pero un artista nunca deixa de darlle voltas á cabeza e Otero Regal xa está artellando outra exposición coas mesmas características, con cadros cerámicos e esculturas, pero esta vez misturados con instrumentos musicais reais.

Levará por título 'Música e músicos' e nesta ocasión a homenaxe será precisamente para eles, os músicos, que foron un dos ámbitos da arte aos que máis se recurriu durante os meses do confinamento.

Comentarios