Óscar Guzmán: "O Premio Vilar Ponte é o primeiro ao que me presentei e ganalo é moi emocionante"

Este ourensán mantedor de zonas verdes é un lector empedernido e da man da súa filla Alba lanzouse a escribir durante a pandemia. Ten publicado un libro que vai camiño da cuarta edición e elixiu presentar o segundo que escribiu ao certame de novela de Viveiro, o primeiro no que concursa, coa satisfación de ser o ganador
Óscar Manuel Guzmán Álvarez, na feira do libro de Monforte. EP
photo_camera Óscar Manuel Guzmán Álvarez, na feira do libro de Monforte. EP

Óscar Manuel Guzmán Álvarez (Vilamarín, 1970) é o ganador do V Premio de Novela Vilar Ponte que entrega este venres o Concello de Viveiro, ás oito e media no teatro Pastor Díaz, pola obra Pero... Como morren as pegas? Casado e con dous fillos, traballa como xardineiro para a Deputación de Ourense e reside nesta cidade.

Desde cando escribe?
Sempre escribín e lin moito. De pequeno cando ía co gando a miña diversión era ler e co tempo fun subindo os meus niveis de lectura. A miña filla tamén dedica parte do seu tempo á escrita, ganou varios premios, e empezamos a escribir eu por ela e ela por min. Animoume a facelo e en tempo de pandemia chegou a primera novela, Os segredos de Teresa. De algún xeito o meu traballo en zonas verdes levoume a escribir porque coñezo moitos sitios, mosteiros... e empápome con esas pedras.

Como xorde esta segunda novela?
Pasaba xunto a unha mansión enorme preto do cemiterio de San Francisco en Ourense, vin unha pega e véuseme a idea. Xa tiña un personaxe na mente e a partir de aí xurdiu a novela.

Que pode adiantar da trama?
É unha novela de misterio con tintes de Agatha Christie, cos mesmos personaxes da primeira. Nunha mansión vive un empresario de transportes de orixe portuguesa, unha persoa un pouco histriónica que ten certa similitude cunha pega. Vive coa súa cuñada e os dous fillos desta, o seu irmán falecera nun accidente de camión. Tamén viven alí un xardineiro e unha moza de servizo de orixe angoleña. Con ese elenco de personaxes unha noite recibe unha ameaza e a través das súas amizades ponse en marcha un equipo de investigación policial para coñecer iso que o está ameazando. A partir de aí xorden moitas preguntas e pasan determinadas cousas que van levando a trama ata un final que aos meus lectores beta lles gustou moito.

Teño a intención de publicar pronto esta segunda novela, que aos meus lectores 'beta' lles gustou moito

Ten intención de publicala?
Si, e o máis rápido posible. A miña outra novela xa vai preto da cuarta edición e coido que neste intre teño un potencial para ver saída esta outra, seguramente coa mesma editorial, Toxosoutos. Ademais un premio sempre facilita a publicación.

Como se lle ocorreu presentala ao certame Vilar Ponte de Viveiro?
Non me adico a presentar novelas a concursos, desfruto escribindo. A primeira escribina sen ter idea de nada deste mundo e a segunda podía publicala xa pero quixen darlle algo máis de vida, intentar subir o nivel e entrei na páxina da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) buscando un certame que encaixara nas miñas posibilidades, pensaba que a novela era boa e elexín con moi bo tino o Premio Vilar Ponte, foi como se os irmáns (Ramón e Antón Vilar Ponte) me estiveran buscando.

De algún xeito o meu traballo en zonas verdes lévame a escribir porque coñezo moitos sitios e empápome das súas pedras

Como recibiu a noticia do premio?
Moi feliz. Lembro que ía no coche cando me chamaron do Concello e tiven que parar porque para min foi algo moi, moi emocionante. De feito gustaríame trasladar o meu agradecemetno ao Concello e ao xurado, pois estamos moi felices na casa por estas cousas.

Ten pensado seguir escribindo coa mesma saga de personaxes?
Non tiña pensado escribir máis da primeira novela pero vin a pega naquela baranda e fun a pola segunda. Agora teño algún personaxe máis na cabeza e só me ten que saltar algo que me motive. No meu caso escribir é algo que flúe.

Como lector tamén prefire a novela policiaca?
Chámame moito a lectura de tódolos tipos. Lin aos clásicos e agora a Fred Vargas ou John Connolly, pero tamén leo moita narrativa americana e inglesa. Intento que as miñas lecturas teñan unha calidade, que ao ler non só sexa o caso policial, senón que tamén teñan humor e intriga.

Comentarios