O Osa do Mar fala en galego

Nuno Pico pechará con Grande Amore a xornada do festival dedicada ás Letras Galegas ► O mariñao tocará o domingo, no auditorio, temas do disco que está a piques de ver a luz
Nuno Pico. AEP
photo_camera Nuno Pico. AEP

O músico mariñán Nuno Pico pechará este domingo, ás nove da noite, co seu proxecto Grande Amore, a primeira xornada do festival burelao Osa do Mar, que vive unha edición de retorno despois da suspensión no 2020 debido á pandemia de covid-19. O cartel do programa, dedicado ás Letras Galegas, inclúe tamén un concerto da cantautora Antía Muiño, programado para as oito, e unha charla con coloquio sobre o estado do galego na música, no que estarán os dous artistas, ademais de Emilio López (Skornabois e Safari Orquestra) e Manolo Maseda (Diplomáticos de Monte Alto). Todo se celebrará no auditorio da casa da cultura con todas as medidas de seguridade para evitar o risco de contaxios.

Nuno Pico é xa todo un veterano do Osa do Mar, festival no que tocará por terceira vez, despois de facelo con Oh! Ayatollah e Skohlma. O que xa supón unha novidade para el é o feito de tocar no auditorio, algo que ten que ver co covid. "É o que ten esta pandemia. A parte máis negativa é que limita os aforos, pero tamén hai que buscarlle algunha cousa positiva e para os músicos está a posibilidade de tocar en sitios que nunca imaxinamos. Fai pouco tempo toquei no Vello Cárcere, en Lugo, e foi unha experiencia moi boa. Agora, vou tocar no auditorio de Burela, onde estiven sempre para ver obras de teatro ou música clásica", sinalou.

O que celebra Nuno é o feito de poder amosar a súa música en Burela, "que é a miña casa". "Faime gran ilusión, pero tamén sinto certo nerviosismo que non teño noutros sitios", engadiu o artista, que quixo felicitar aos organizadores do Osa do Mar pola capacidade de poder mantelo fronte as dificultades. "Para mín é admirable o que están facendo, sobre todo pensando no traballo que leva e sen ningún tipo de lucro". 

Todas as cancións de Grande Amore son en galego, algo que explica de xeito sinxelo: "É a lingua que falo e nunca pensei en escribir cancións noutra. Fai anos parecía unha barreira, pero agora xa non existen fronteiras nos idiomas, de feito, cando vexo en spotify onde se escoitan máis as miñas cancións comprobo abraiado que é en Madrid". 

No festival tocará varias cancións do disco que está ultimando e que asegura que "está a piques de saír" e invita a toda a xente a acudir ao festival. "Que vou dicir eu, a xente que me escoitou e que lle gusta a miña música espero que veña e os que non a escoitaron teñen a oportunidade de vir para saber se lles gusta ou non e poder criticala (risas)". 

A Deputación amosou o apoio e felicitou a Fanto Fantini pola organización


A área de Mocidade da Deputación de Lugo, colaboradora na organización do festival Osa do Mar, amosou o seu apoio ao colectivo organizador, a asociación Fanto Fantini, á que felicitou por "por sacar adiante esta nova edición, cun formato axustado ás circunstancias sanitarias mantendo a aposta pola música alternativa". As entrada para o festival están á venda a 10 euros en entradium.com. 

Comentarios