jueves. 22.10.2020 |
El tiempo
jueves. 22.10.2020
El tiempo

"Optamos ao plan de sostibilidade turística por preto de tres millóns"

Fran Cajoto. FN
Fran Cajoto. FN
O presidente da Mancomunidade di que a meta é reactivar o sector tras o golpe do covid

A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense elaborou un Plan de Sostibilidade Turística para a comarca por importe de 3 millóns de euros a desenvolver de 2021 a 2023. O seu presidente, Fran Cajoto, subliña que o seu obxectivo é reactivar o sector tras o duro golpe sufrido en xuño co brote de covid, que obrigou a confinar a Mariña e que supuxo a cancelación do 100% das reservas realizadas para xullo e do 40% das previstas para agosto.

O presidente da Mancomunidade explicou que o 5 de agosto, o anterior conselleiro de Turismo, Román Rodríguez, reuníase cos representantes da Mancomunidade para dar a coñecer os principais puntos do futuro Plan de Sostibilidade Turística para a comarca, así como os requisitos e criterios a cumprir para a selección, defendendo a idoneidade da Mariña para estes plans co obxectivo de impulsar a súa reactivación turística despois do rebrote de coronavirus. "Esperamos que ese compromiso se manteña e se aposte de forma decidida por unha comarca que ten un gran potencial por explotar e que está a sufrir unha grave crise tamén no eido industrial coa fábrica de aluminio de San Cibrao. É o momento de pasar das palabras aos feitos", sinalou.

Cajoto dixo que unha das características diferenciais deste plan é que foi aprobado de forma unánime pola Mancomunidade, que representa a 16 municipios gobernados por distintas cores políticas. "É o resultado do esforzo de toda unha comarca traballando de forma unida, o cal non acontece moi a miúdo".

A Mariña lucense entraría dentro da figura dos Plans de Sostibilidade en destinos turísticos rurais ou de interior, con obxectivos como dinamizar os destinos rurais para contribuír a afrontar o reto demográfico, poñer en valor o seu patrimonio medioambiental e crear novos produtos turísticos baseados nas súas particularidades. Os plans de sustentabilidade turística son solicitados polas entidade locais. Neste caso foi a Mancomunidade quen fixo a solicitude, que abarca todo o xeodestino, alentada e co apoio da Xunta de Galicia.

Este plan podería chegar a contar cun orzamento de 3 millóns de euros para un período de tres anos (2021-2023). O Estado, a través da Secretaría de Estado de Turismo, financiaría o 40-45%; a Xunta de Galicia, outro 40-45%; e a Mancomunidade financiaría o 10-20% restante.

Fran Cajoto sinalou que "desde a Mancomunidade, da man dos Concellos e coa axuda dunha consultora externa financiada polo goberno autonómico durante o mes de agosto, traballouse a Fran Cajoto. fn marchas forzadas para presentar o Plan de Sostibilidade Turística mais idóneo posible para a comarca na data sinalada, o 10 de setembro".

Desde a entidade lembran que a comarca non conta cun plan turístico desde 2014, data na que rematou o Plan de Competitividade de Produto Turístico, desenvolvido ao longo de catro anos: "Desde entón non se volveu realizar un plan específico para o sector turístico do xeodestino, aínda que se segue a traballar nas liñas estratéxicas daquel plan", dixo.

ACTUACIÓNS. O obxectivo principal é impulsar un desenvolvemento turístico sostible na Mariña, poñendo en valor o seu patrimonio cultural e natural protexido para frear a perda demográfica nas áreas rurais dos 16 municipios, que garanta así o desenvolvemento dun modelo sostible e rendible para o destino cunha visión do turismo a longo prazo.

Nese eido, traballouse en cinco eixos estratéxicos que tratan á Mariña como un todo, sen localismos. "Presentamos liñas de actuación, como poñer en valor as fervenzas que hai, traballar en rutas de BTT ou sendeirismo, definir unha rede de miradoiros ou de turismo ornitolóxico ou definir, oficializar e potenciar unha ruta de peregrinación a Santiago esquecida —o Camiño do Mar— que discorre por todos os concellos costeiros, constitúen accións que benefician a toda a comarca no seu conxunto e non a un concello de forma individual", dixo Cajoto, engadindo que "apostamos por sumar forzas, por traballar unidos e cremos firmemente que a única forma de que o turismo medre é actuar en conxunto".

"Optamos ao plan de sostibilidade turística por preto de tres millóns"
Comentarios