As razóns polas que A Granda de San Pedro de Mor é un lugar especial para Antonio Jesús Lorenzo López, coñecido como ‘Cachín’, son moitas porque toda a súa vida está vinculada a este punto do concello de Alfoz. A primeira delas, di Antonio, que é garda de medio ambiente, é "porque alí está a igrexa, na que me bauticei, fixen a comunión e hoxe en día colaboro coa parroquia". A segunda que dá é o adro, "un dos mellores da zona porque é bastante grande, ten moitos castiñeiros e bastante aparcamento". E a terceira, as tres festas que acolle ao longo do ano este espazo.
Estas tres festas empezan o 29 de xuño co patrón, San Pedro. "Teño moi bos recordos desa festa, pero sen dúbida o máis vinculado a esa celebración é o olor da flor do castiñeiro porque nesas datas está en plena floración e encántame ese olor". Tamén en xullo se celebra a festa de Nosa Señora do Carme, "que aínda que non é unha festa moi importante a nivel de verbenas, si que se achega xente de moitos sitios á novena pola devoción que hai á Virxe". E a terceira é o San Cristovo, que se celebra o primeiro domingo de agosto. "É unha festa de todo o concello que se celebra neste adro e na que hai a bendición dos coches e comidas campestres".
A todas estas razóns, Antonio suma que ao outro lado da carretera está o campo de fútbol municipal. "Unha das miñas grandes afeccións é o fútbol e sobre todo o Club Deportivo Alfoz", recoñece. "Aínda hoxe vou ao fútbol cando podo, pero gardo grandes recordos de cando era cativo e o Alfoz estaba en Rexional Preferente", explica e lembra que o campo enchíase de xente e cando o equipo xogaba fóra era o autobús o que ía cheo.
E outra das razóns, non menos importante, é que desde esta zona de Alfoz pode verse ao fondo a fortaleza do mariscal Pardo de Cela, "o noso monumento por excelencia". Para Antonio, a torre é sen dúbida a imaxe que máis e mellor identifica a Alfoz e por iso non podía deixar de facer mención a ela.