Andrés Vidal Orol: "Ofrecéronme facer algún monólogo, e pagando"

Nacín no Valadouro no 1972 e dedícome ao sector da madeira como profesional. Ademais, no tempo libre fago vídeos de humor sobre cousas da actualidade, o último é sobre o novo DNI para os cans. Tamén son un grande afeccionado ao ciclismo, tanto de montaña como por estrada.
Andrés Vidal Orol. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Andrés Vidal Orol. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Está tendo moito éxito o último vídeo que fixo sobre o DNI para os cans, pero antes de falar del, cando empezou con esa afección de facer vídeos de humor?
Lembro que o primeiro fora falando daquel camioneiro que pegara cun martelo a un ciclista, aínda que antes xa fixera algún para a Toxiza.

Cantos vídeos leva feito?
Pois non os teño contados, dez ou doce.

Por que os fai?
Eu que sei, por pasar o tempo, por rir un pouco, por cambiar de rutina.

Polo último está a recibir algunhas críticas, non?
Si, este último houbo persoas que non o entenderon, pero é un grupo reducido delas, a maioría si. Pero a verdade é que este se foi un pouco das mans, non pensei que fora a ter tanta repercusión.

Está tendo moita...
Si, penso que só en Facebook xa tivo unhas 75.000 reproducións. Está sendo sen dúbida o que máis de todos. Incluso o outro día chamoume un rapaz da Pontenova e díxome que o vídeo se estaba facendo famoso.

Como escolle os temas?
Só falando do que se fala nos bares, na rúa, comendo... O outro día estábase falando do DNI dos cans, como cando fixen o vídeo da carne no conxelador ao empezar a pandemia e a xente tiña medo de quedar sen nada.

Agora só queda que faga diso a súa profesión.
Iso xa son palabras maiores. Pero en verdade xa me ofreceron facer algún monólogo, e pagando, pero díxenlles que non. Por agora sigo coa madeira.

Pero a xente pídelle que faga vídeos?
Si, ás veces a xente dime: "a ver cando fas outro vídeo". O caso é que neste houbo xente á que non lle fixo gracia. O que non me gusta é que me insulten.

Á familia e aos amigos gústalles que faga os vídeos?
Gústalles, polo Valadouro teñen boa acollida. Incluso hai xente que me recoñeceu pola rúa grazas aos videos. Por exemplo, o outro día fun pedirlle permiso a un home para sacar a madeira por unha finca e díxome que se ría moito cos meus vídeos.

Ten moitas tomas falsas?
Non, case todos os vídeos son gravados á primeira. Eu fágoos ao que saia, non estou pensando en como vai saír porque tampouco me dedico a isto.

Vai seguir con eles?
Si, claro, por que non. Eu non me meto con ninguén nin quero ofender, só quero que a xente o pase ben, non vai ser todo traballar. Mentras saian ideas seguireinos facendo.

Pero non todo son vídeos, tamén é un gran afeccionado ao deporte, sobre todo ao ciclismo.
Este ano estou apuntado a unha marcha cicloturista nos Monegros, en Huesca, se o covid-19 me permite facela.

E non corre a Toxiza?
Non, non estou para correla. Cando a corrín baixei bastante de peso, pero agora volvín a collelo. A min correr mátame moito, porque teño moito peso. A bicicleta é distinta, apunteime aos Monegros para entrenar algo.

Comentarios