As obras de mellora da rúa Galdín sobre a vía de Feve estarán rematadas en xullo

Política Territorial aporta 660.000 euros aos traballos que melloran o acceso ao pavillón municipal, centro de saúde e residencia de San Cibrao

O alcalde de Cervo, a conselleira de Política Territorial e o delegado da Xunta visitaron as obras en Cervo. J.Mª ÁLVEZ
photo_camera O alcalde de Cervo, a conselleira de Política Territorial e o delegado da Xunta visitaron as obras en Cervo. J.Mª ÁLVEZ

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co alcalde de Cervo, Alfonso Villares e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro supervisaron as obras de urbanización da rúa Galdín, en San Cibrao, que rematarán no vindeiro mes de xullo.

Segúndo dixo Ethel Vázquez Mourelle, "as obras están moi avanzadas, cun grao de execución actual que rolda o 85%", engadindo que faltan por construír as dúas glorietas nos dous extremos da rúa e a instalación do alumeado e a pavimentación.

Trátase dunha actuación froito da colaboración entre Xunta de Galicia e o Concello, que ten como obxectivo ampliar a capacidade desta vía, para facela máis segura, cómoda e accesible para os vehículos e os veciños, segundo resaltan dende o Goberno galego, que financia os traballos coa achega de 660.000 euros. O Concello redactou o proxecto, contratou e está a executar as obras.

As actuacións consisten na ampliación da calzada e da ponte de pedra sobre a vía do Feve, na construción de dúas glorietas, a execución de beirarrúas e aparcadoiros nas marxes e a renovación das redes de abastecemento, saneamento e pluviais, así como os servizos de alumeado e telecomunicacións.

Ethel Vázquez subliñou que "este proxecto permitirá reforzar a seguridade viaria, facilitará o acceso dos veciños a equipamentos como o pavillón municipal, o centro de saúde, a residencia e centro de día e axilizará o tráfico cara ao parque empresarial".

TRÁFICO NO FIOUCO. Por outra banda, logo de xornadas con algún corte por néboas, onte o paso da A-8 polo Fiouco estivo aberto pero con visibilidade reducida.

Comentarios