"Nunha cea e cun cubata decidimos o noso disfrace"

Son Carlos Villarino Lozano, aínda que todos me coñecen como Carlos de Redondo. Nacín en Celeiro de Mariñaos. Pertenzo ao grupo Gandallada e participamos desde o comezo no Entroido de Foz. Xa estou xubilado, traballei en Alcoa e antes no estaleiro de Nécega 
Carlos de Redondo, cunha fotografía antiga dun desfile. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Carlos de Redondo, cunha fotografía antiga dun desfile. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Dende cando leva vostede participando no Entroido de Foz?
Dende antes de que empezase o Entroido, hai corenta anos. Lembro que traballaba no estaleiro de Nécega e fixemos unha carroza cuns amigos. Iamos vestidos de xitanos. Acampamos no peirao, fixemos un lume, churrasco, comemos e bebemos alí. Pasámolo en grande. Logo, ao ano siguinte, xa empezou o desfile como tal na sala Bahía, cos premios.

E con que grupo participa?
Gandallada. Somos dez. Empezamos cando empezou o Entroido. E como lle puxeron ese nome? Pois iso foi hai pouco. Pedíronnos un nome para apuntar e o máis artista de todos, que é Chinchón, púxolle Gandallada.

E son os máis veteranos?
Si, somos os máis veteranos, antes estaban Os Larpeiros.

En que categoría concursan, como grupo ou como carroza?
Agora imos como carrozas. Levamos un todoterreno diante e imos cambiándolle a cor. A carroza é a mesma, só lle cambiamos ese detalle.

Estanse preparando xa para o desfile?
Iso queda preparado dun ano para outro. O caso é pensar de que imos, o disfrace decidímolo nunha cea e xa con algún cubata. Este ano xa fixemos dúas ceas, pero aínda estamos indecisos. Non sabemos se iremos comendo, bailando ou que.

Cal é o disfrace ou o desfile que lembra vostede máis divertido?
En todos o pasas ben, pero lembro un onde fixemos unha carroza cun muíño de café cortando unha capota dun Seat 850. Iamos de hawaianos e moendo o café. Foi moi divertido, gañamos un premio e saímos na TVG e todo.

Nota que cada vez máis xente participa na festa do Entroido de Foz e no desfile?
Agora hai moita participación, non ten nada que ver co que acontecía antes. Daquela atopabas xente diante do Leyton, outros xunto do Pema, nas Casas Baratas e pouco máis. Agora hai moitísima xente que vén de Asturias, Viveiro e de moitos outros sitios.

Está con ganas de seguir moitos anos máis?
Home, claro! O ano pasado non fomos coa que está caendo polo tema da pandemia, pero se paras outro ano máis logo custa moito volver empezar. Nós imos por pasalo ben.

Como viven ese día?
Antes do desfile imos xantar xa vestidos, sempre no Leyton. E logo andamos pola rúa abaixo e esperamos a que nos chamen para empezar.

Levarán xa entón uns cantos cubatas?
Si, pero non como cando tiñamos 30 ou 40 anos. Entón ías ben feito, cos víveres na carroza. Vaia santas borracheiras!

Teñen cea despois do desfile?
Non, coa comida xa está ben, que teño 84 anos. Despois tomo un iogur e para a cama.

Non está mal isto do Entroido de Foz, pero que máis fai?
Gústame ir de caza cos compañeiros, os sábados e os domingos. E logo vou ao peirao tomar os viños, vexo un pouco a televisión polas tardes, e dou un paseo antes no anoitecer.

Comentarios