"Nunca me multaron pero tampouco pasei nunca de 50!"

María Cristina ten 81 anos e leva 45 conducindo en moto. Utilízaa para ir á farmacia, ao supermercado e aos enterros. De momento, non pensa deixar o seu Scooter
G
photo_camera María Cristina, en la moto. JOSÉ MARÍA ÁLVEZ

A moto deulle a vida en moitas ocasións a esta muller de Santo Estevo (Trabada) e tan agradecida quedou que nunca quixo cambiala por un coche, aínda que puido facelo.

Ten 81 anos e leva practicamente medio século conducindo unha moto. Pódense facer estas cousas con esa idade?
Pódese. Mentres que eu poida, seguirei indo aos sitios na moto.Teño 81 anos pero non teño problema aínda para conducir. Cando vexa que non podo, deixareina, xa non me queda outra!

Para que usa a moto agora?
Para todo. Fago todos os recados con ela: vou á farmacia, ao médico, ao super e aos enterros. Móvome con ela a todos os lados.

Como fai cando vai ao supermercado? Onde mete as bolsas?
Debaixo do asento colle algo pero tamén teño levado unha bolsa colgada dun brazo.

Sorprendíase a xente ao vela ir en moto sendo muller hai 45 anos, cando comezou a conducila?
Ao primeiro, chamaba a atención, si, pero agora xa están acostumados de verme desde hai moitos anos. Esta que teño agora xa é a terceira moto que comprei.

Como se lle meteu na cabeza comprar unha moto?
Daquela eran outros tempos... Non había coche na casa. Meu home tiña unha furgoneta pero levábaa el porque era fontaneiro e facíalle falta para traballar. E a min facíame falta tamén algo para poder moverme da casa e facer os meus recados. Despois, cando a miña filla foi ao colexio facíame falta algo en que levala porque da casa á escola había 2 quilómetros e o autobús non a recollía. Así que a moto veume de marabilla e con ela facía catro viaxes ao día, do colexio para a casa e ao revés. Meu home quería que sacase o carné pero non había coche e tampouco podiamos comprar outro, así que decidín mercar unha moto e collín unha Mobylette.

Nunca conduciu un coche?
Non, non cheguei a sacar o carné nunca. Dicíame miña sogra que podía coller un coche sen carné pero preferín seguir coa moto e, mentres Deus me deixe, seguirei con ela. Agora xa non cambio!

Non tiña medo a caer?
Non, pero non hai moito estiven a piques de caer por mor dunha fochanca moi grande que hai na estrada e, por riba, chovía e case, case caín, pero non pasou nada.

Tivo algún accidente coa moto algunha vez?
Nunca, nin tampouco me puxeron nunca ningunha multa. Tampouco corro. Non paso nunca de 50!

Á parte de conducir a moto, que máis cousas fixo na súa vida?
Bordei moito á máquina.

Traballaba para fóra?
Si. Facía encargos para Ribadeo, Vegadeo, Lourenzá, Mondoñedo, Abres e A Coruña. Bordaba xogos de cama, mantelerías e tamén xogos de berce.

E que cousas fai agora, aos 81?
Fago labores co gancho e sigo a bordar á máquina. Aínda fago puntillas e xogos de cama. Sempre teño algo empezado. Fago tamén sobrecamas de gancho, camiños de mesa e cadros de tea e tamén feitos ao gancho. E tamén teño un horto e galiñas e coellos. Paso o tempo con todo iso.

Comentarios