O novo párking de Sargadelos xa está listo

O aparcadoiro público xunto á antiga fundición de Sargadelos está aberto e a vía de acceso ao conxunto histórico, en obras
O novo estacionamento está na traseira das antigas carboeiras de Sargadelos. D.V.
photo_camera O novo estacionamento está na traseira das antigas carboeiras de Sargadelos. D.V.

O estacionamento municipal na parte traseira do antigo edificio das carboeiras de Sargadelos xa está dispoñible logo das obras contratadas polo Concello de Cervo para dotar a zona de 50 novas prazas, co fin de mellorar a seguridade na contorna e que os visitantes non aparquen na beira da estrada principal que dá acceso ao conxunto histórico e artístico e ao Paseo dos Namorados.

O investimento na parte traseira do actual centro de emprendemento foi de 67.589,95 euros, cunha subvención de 30.000 euros da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

O Concello puxo tamén árbores nesa zona que antes estaba a prado e conta con facer máis atractiva a visita ao enclave, onde tamén hai sete negocios artesáns como Marmeladas A Morena, entre outros.

Nestes días, a vía principal desde a cerámica de Sargadelos estivo pechada debido ás obras de acondicionamento das marxes e o acceso debe facerse pola antiga estrada Sargadelos-San Cibrao.

Así mesmo, a Xunta anunciou este mércores que vai repartir 33 millóns entre os concellos que se acolleron ao programa de rehabilitación de barrio. O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) completará os trámites para os inmobles e propietarios solicitantes e o traspaso de fondos estatais de Áreas de Rehabilitación Integral (Ari) e áreas Rexurbe.

"Na Mariña, o reparto provisional prevé 650.000 euros a Mondoñedo, 450.000 a Ribadeo e 200.000 a Lourenzá", sinala a Xunta. Haberá axudas a nivel de barrio e o importe dependerá do grao de eficiencia enerxética conseguida coa rehabilitación, podendo ser do 40, 65 ou 80% do orzamento, cun máximo de 29.425 euros por vivenda, ou do 100% en casos excepcionais de vulnerabilidade.

Comentarios