'Nove de novembro' ve a luz

O primeiro filme LGTBI en galego, de Lázaro Louzao, estréase no festival Zinegoak de Bilbao ► O director e produtor, veciño de Xove, amósase ledo por participar na sección oficial

Rodaxe de 'Nove de novembro' en Morás, en Xove. AMA
photo_camera Rodaxe de 'Nove de novembro' en Morás, en Xove. AMA

A primeira película LGTBI en galego, Nove de novembro, obra do xovense Lázaro Louzao, estrearase ante o público do festival Zinegoak de Bilbao, onde se poderá ver os días 24 de febreiro e 3 de marzo. Ademais o 2 proxectarase nos Cines Trueba de San Sebastián e ese mesmo día o director dará unha "masterclass" sobre produción con baixo presuposto, algo que coñece ben xa que o do seu filme foi de 30.000 euros, que conseguiu a base de micromecenado, pequenos patrocinadores e a axuda de amigos e familiares.

Despois de tanto esforzo para gravar un filme en galego cuxos protagonistas son homosexuais Lázaro amósase moi contento por estrear no Zinegoak, "un festival moi importante dentro dos LGTBI" e de facelo ademais "dentro da sección oficial, o que é un honor". Engade que compiten nas categorías máis importantes como "mellor película, dirección, guión ou interpretación", pero di que non conta con recoñecementos. "Só con estar na sección oficial xa é suficiente", asegura o xovense, que recoñece ter "nervios" porque vai ser "a primeira vez que a película se evalúe ante o público", xa que ata agora só a compartiu cun grupo reducido de achegados.

O proceso de sacar adiante este proxecto "foi duro", recoñece Louzao, xa que estivo "só" a maioría do tempo, dende a escritura do guión ata a busca do financiamento. Lembra que o proxecto naceu como unha curta "pero os personaxes foron crecendo pouco a pouco e acabou sendo unha historia máis longa". A súa idea era "facer un paralelismo entre o que lle pasa a unha relación de dúas persoas co que lle pasa ao mundo nunha relación xeopolítica como foi a caída do muro de Berlín". A rodaxe foi na Coruña e en Xove, onde se gravou "un dos flashbacks" da historia. A outra pegada mariñá no filme é que un dos directores de fotografía, Iago Vilariño, é de Cervo.

Lázaro Louzao está traballando nun par de guións novos pero agora está máis centrado na distribución da película en festivais e, despois, en salas alternativas. Agarda, polo menos en Galicia, ter boa acollida.

Comentarios