As novas mans da maxia na Mariña

Aris Villarino acaba de dar os salto de facer maxi en petit comité e nas súas redes sociais a ofrecer un espectáculo ao que seguirán outros
Aris , mago de fazouro jugando con una baraja de cartas -foto jm alvez
photo_camera Aris Villarino, no seu Fazouro natal. JOSÉ Mª ÁLVEZ

"Podería romantizar a historia", di o focego Aris Villarino sobre os seus inicios na maxia, pero o certo é que lle empezou a interesar "de casualidade" hai uns cinco anos, cando comezou a ver vídeos en Youtube e puido coñecer "o básico do básico, o que hai na superficie" dun mundo amplísimo. A partir de aí foi profundizando en libros específicos e tamén lle axudaron dende a Asociación de Magos Afeccionados da Mariña (Amam), para unha formación na que "o 99% é autodidacta".

De 29 anos, formado como deseñador gráfico pero traballando actualmente no sector comercial, Aris Villarino ten a maxia como un hobby pero quen sabe se podería converterse en algo máis, pois acaba de ter o seu "debut inesperado" cun espectáculo no restaurante O Lar de Foz para o grupo de famosas que trouxo á comarca Belinda Washington. "Eu fixen moita maxia en bares, empezando co grupo de amigos e rematando recorrendo as mesas, pero non fixera ningún espectáculo", recoñece o rapaz, que saíu airoso do reto. "Chamáronme pola mañá para ir pola noite. Era unha presión tremenda, porque igual esa xente está máis acostumada a ver magos, pero saíu ben, a min gustoume e penso que eles quedaron contentos, foron agradecidos e un moi bo público", sinala Villarino.

O focego conta que nunca pensara en adicarse máis en serio á maxia, pero a partir deste espectáculo saíronlle outras propostas. "Convertir un hobby nunha profesión é arriscado. Hai previsión de facer algunha cousa en bares de Foz, algún negocio que está interesado, pero estamos aínda traballando niso", comenta.

A especialidade de Villarino, que se pode ver nos seus vídeos nas redes sociais, son as cartas, pero tamén lle gusta o mentalismo, "por exemplo adiviñar en que número se está pensando ou que varios espectadores compoñan un número que estivera escrito dende o primeiro momento".

Na maxia, apunta, a destreza é vital pero máis o é a psicoloxía, "influír no pensamento dunha persoa é importante e marabilloso", comenta o rapaz, que desfruta moito coa reacción do público. "Non sei con que se podería comparar, entendo que a un músico ou a calquera artista lle pasará igual. É moi gratificante cunha baralla de cartas ou coa cousa máis pequena que te poidas imaxinar, cunha moeda, poder crear na xente esa sensación de incredulidade, de sorpresa", sinala. Neste senso puido ver que a maxia en xeral sorprende moito máis aos adultos, pois un neno "non analiza tanto as cousas, non lle sorprende tanto que desapareza algo diante del porque aínda ten esa parte de irracionalidade", sen embargo aos maiores "que lles poñas unha moeda na man e que desapareza e non estea en ningures, failles estourar a cabeza".


[Aris Villarino, co Mago Pi en Burela. JOSÉ Mª ÁLVEZ]

Cada mago ten os seus referentes e Villarino tamén. "En España temos a sorte de ter a elite de maxia con cartas dende hai moitos anos; Tamariz é un referente, Mario López a día de hoxe é un buque insignia... e temos canteira incluso aquí en Galicia con Piedrahita, Teto, o Mago Antón", comenta o focego, que ten a nivel local ten palabras de agradecemento para o Mago Pi de Burela, ao que xa cocoñecía da asociación Amam e que o acompañou no espectáculo de Foz. "Sen el sería imposible facelo", recoñece.

MAGO PI. "Fixoo moi ben, quedaron encantados", asegura Pi sobre a actuación de Aris Villarino en O Lar. "Cada un ten o seu espectáculo, eu traballo moito con animais, con pombas, coellos, peixes... e el máis ben está con manipulación, con cartas ou moedas e faino moi ben, a min encántame", sinala o burelés, que lembra que o rapaz se puxo en contacto coa asociación hai uns anos e que incluso o levou con el a unha das actuacións do Mes da Maxia. "Non debería levar a ninguén, pero leveino comigo, deixeille facer uns trucos e gustou moito", recoñece, orgulloso de que agora acabara de dar o seu primeiro espectáculo propio.

Comentarios