Novas aventuras de Grande Amore

O artista recolle boas críticas co adianto do seu segundo disco, un vídeo no que "pelexa" con veciños da zona na Parrillada San Pedro de Alfoz
Unha escea do vídeo gravado na Parrillada San Pedro de Alfoz con veciños de alí. XAIME MIRANDA
photo_camera Unha escea do vídeo gravado na Parrillada San Pedro de Alfoz con veciños de alí. XAIME MIRANDA

Nuno Pico -musicalmente falando Grande Amore- impulsa dende a capital galega a súa carreira pero faino co corazón na Mariña. O valadourés está a piques de sacar o seu segundo disco e acaba de lanzar o primeiro adianto, Pelea, cun vídeo gravado en Parrillada San Pedro, en Alfoz e no que se poden ver a moitos veciños, o que lle fai unha tremenda ilusión.

"Na miniatura do vídeo en Youtube quen sae é Magín, un veciño noso de toda a vida de Frexulfe e é unha ilusión que saia aí e que se vaia ver por aí adiante", comenta sobre a participación de xente próxima como a súa propia nai ou o seu avó. "Dábame especial vergoña actuar con toda esa xente coñecida, pero saíu moi ben e á xente estalle gustando", sinala sobre o vídeo que dirixe Xaime Miranda e no que o cantante se pelexa coa xente sentada no comedor. "Gustábame facer un vídeo este estilo, sempre me fixo especial graza o de poñerme en plan conto de tiros e desfrutámolo bastante", comenta. Hai unha anécdota que non pasa despercibida e é a lambida que lle mete na calva a outro dos mariñaos que saen no vídeo, o concelleiro do BNG de Burela Mario Pillado. "Iso foi a maxia do cine", di en alusión a que se lle ocorreu no momento, algo totalmente improvisado.

Nuno Pico, que en maio fará 28 anos, escribiu esta canción no verán do 2021, un momento que define como "angustioso" para os da súa xeración que acababan de pasar a barreira dos 25 co impacto da pandemia. "Acabaramos a carreira pero non sabiamos que ía ser de nós. É a canción que ten máis angustia do disco", di, e recoñece que ao principio non contaba gravala, pero gustaba nos directos e "a Xaime tamén lle pareceu que quedaba ben para o vídeo. Ao final quedei contento co resultado porque a xente está acolléndoa moi ben", di.

En abril sairá un segundo tema e en maio o disco completo, II, que en xeral "ten letras un pouco máis escuras e máis duras que as do primeiro, porque realmente o mundo está moi mal, non é fácil poñerse a cantar sobre a bonita que é a primavera". En canto ao son tamén hai cambios que non sabe se todo o mundo percibirá, dentro do seu estilo punk e electrónico. "Son malo definíndome, intento facer cancións que se parezan ás que me gusta a min escoitar como oínte", sinala.

O segundo tema tamén irá con vídeo de Xaime Miranda. "Sempre traballei con el e estou supercontento. Máis alá de facer os vídeos somos amigos desde hai tempo, bótame unha man na composición musical dos temas e a verdade para min é unha axuda moi grande", di, aínda que non adianta se tamén terá algún guiño á comarca, á que se sente "moi vinculado" e que ten un papel importante na súa carreira. "Case baixo máis por traballo que por ocio", recoñece.

Festivais

Doutra banda, o artista comenza xa a pechar datas para próximos eventos, despois de que o verán pasado fose "intensísimo, con moito concerto".

As datas que por agora se poden divulgar de forma pública son as da súa participación en xullo no festival Portamérica, en Portas, e a comezos de agosto no SonRías Baixas en Bueu.

Comentarios