martes. 26.05.2020 |
El tiempo
martes. 26.05.2020
El tiempo

MANUEL GONZÁLEZ, ORTIGA

"Non podo pasalo ben soamente por non saber cantar sen autotune?"

Ortiga. JANITE
Ortiga. JANITE
O festival Osa do Mar despídese na noite deste sábado de Burela bailando a ritmo das cumbias e merengues pegadizos de Ortiga, o novo proxecto de quen foi metade de Esteban y Manuel

MANUEL GONZÁLEZ moveu o cú dende cativo nas festas de Chantada. A súa familia é de Carballedo e ninguén o coñece como Manuel. É Ortiga, é a metade de Boyanka Kostova e era a metade de Esteban y Manuel. Fai cumbias, merengues, trap e o que se lle poña por diante. Iso si, sempre con autotune. O venres estará con Ortiga cantando 'ChantadaNFestas' na Praza do Pavillón. Hoxe fará sacudir o cú á xente de Burela no Osa do Mar.

Que cambios hai de Esteban y Manuel a Ortiga?

A orientación é distinta. Esteban y Manuel era máis rockero no sentido de dúas persoas tocando todo o tempo, cancións fáciles... Ortiga é máis variado.

Pode que o seu don sexa o de facer cancións pegadizas.

É o que intento, facer algo que sexa fácil de recordar, pero tamén levo moitos anos facendo cancións e iso é o que fai avanzar. Ao mellor a xente coñece cinco temas que fixen, pero claro... fixen outros 130 máis. A calidade non está reñida coa cantidade, pero da cantidade sácase a calidade. Teño moitas cancións que son unha merda tamén... [Ri]

E ten algunha sen autotune?

Unha versión que fixen dun grupo, canteina sen autotune porque me pareceu simpático.

Igual non lle recoñecemos a voz.

O rollo este de demonizar o autotune... É algo que ten tantas lecturas. Non teño dereito a pasalo ben cantando soamente por non saber facelo sen autotune? Ao mellor non é que non che gusta o autotune, é que eres un intolerante. A min tamén me apetece facer cousas mal e rirme. Supoño que esa xente tenlle tanto odio ao autotune porque antes tiñas que cantar guai e molar, agora só tes que molar para molar. Entón din: "Este desgraciado que non ten nin idea de cantar vaime pasar por diante. Morte ao autotune". A xente esquece de que a música vale para pasalo guai. As críticas fundadas son necesarias, o 100% das que escoitei a ese nivel eran de pailán.

Se nunha verbena calquera en lu gar do merengue do Combo Dominicano soa o merengue de Ortiga, gustaríalle á xente?

Depende da predisposición que teñas, se o tomas como algo na mesma onda que o Combo... igual che parezo o Demo. Se o tomas como unha movida tirando a punki... é guai. Dei moitos concertos que lle molaron aos vellos e á xente nova, e tamén teño ido a sitios nos que non entendían nada. Eu quero pensar que é problema de emisorreceptor máis que de produto.

Nos seus proxectos, como en Boyanka Kostova, adoita explorar fronteiras e non ser doado de etiquetar.

E que lle imos facer? Nós temos as nosas prioridades claras e facemos o que nos dá a gana, non en plan flipado. E tamén hai moita inquietude por pertencer a algo Ao mellor, pertencer a ti mesmo é o máis guapo. Por que temos que ser trapeiros ou cumbieiros ou o que sexa?

Se toco nun festival cumbieiro son un 'blancata' traizoando a música latina

Nunca quixo pertencer a nada?

Claro que si! A todo o mundo lle gusta, vai unido ao ser humano. Pero doume conta de que me sinto máis identificado con Terbutalina, cos que non comparto nada a nivel musical, que con outra xente que está máis unida ao meu estilo. A pertenza está dada por outro tipo de factores. Se fixera un grupo de Whatsapp coa peña coa que me sinto afín, non habería case ningún trapeiro.

Funcionan os circuítos. Se saca Ortiga unha cumbia sae en Radio 3 e se a saca unha orquestra, non.

Eu o que noto é que os meus proxectos funcionan máis en esferas indies que en cumbieiras. Se toco nun festival indie son o máis loco de alí e o público flipa. Se toco nun cumbieiro son un blancata europeo traizoando todo principio de música latina. E a min o que me mola é pasalo ben.

E comer!

É o meu hobby número un. Gústanme as mariscadas, os chuletóns, os lumbrigantes....Co meu 'compi' de Boyanca ás veces organizamos as viaxes en función de onde imos comer. Iso estase perdendo, pouca xente da miña idade coñezo que saiba onde comer en non sei onde. Eu o que quero é ir comer onde irían meus pais.

É o clásico amigo ao que pedirlle recomendacións!

Si, menos en La Rioja, podo dicir sitios de todas as provincias.

"Non podo pasalo ben soamente por non saber cantar sen autotune?"
Comentarios