"Non pensaba ser música de profesión, só facelo ben"

Xiana Lastra, líder e vocalista de A Banda Da Loba, ten raíces na Pontenova e en Ortigueira tamén na poesía e na cultura galega ► Na actual xira, xunto a súa banda, agariman os versos de Xela Arias cos que gravaron un EP
Xiana Lastra, cantante de A Mariña
photo_camera Xiana Lastra, vocalista e líder da banda Da Loba. EP

Xiana Lastra canta dende que tiña catro anos, no coro do colexio, o Grupo Ledicia de Ferrol, e medrou rodeada de música e literatura. Tirou polo mundo da comunicación —é licenciada en Xornalismo e Comunicación Audiovisual— pero acabou convertendo a música nunha profesión na que a lingua, a cultura galega ou o feminismo van sempre por diante nos escenarios. Con A Banda da Loba, que recorda á bandoleira e forman Andrea Porto (baixo), Inés Mirás (guitarra e teclados), Estela Rodríguez (violín) e Marcela Porto (batería), actuaron na Pontenova e en Cervo e logo da xira de verán meteranse co seu terceiro disco.

Ten un rexistro vocal moi alto, non valería para a música metal?

Escoito de todo e teño un rexistro agudo pero creo que non pois habería que rachar moito a voz.

Ademais, cantando a Rosalía, Celso Emilio, Xela...

Un dos obxectivos da banda era trasladar á xente nova a poesía pois quizais sexa máis difícil de dixerir ou comprender, pero estou moi de acordo con Xela Arias para sacar o texto só como lectura.

A cultura galega planea en todo o que gravan e compoñen para os concertos.

En xeral, é o que nos dá identidade, ademais da lingua, o feminismo, a memoria histórica. Todo aquilo que nos representa.

Como artista, que referentes ten?

De pequena estiven moi influenciada por María Manuela, tamén por Mini e Mero, Silvia Pérez Cruz, Salvador Sobral...e gústame moito o que fai Guadi Galego.

As cantantes galegas, respecto aos homes, van a máis, hai unha longa lista que poderiamos citar.

Sempre houbo máis mulleres pero agora a diferenza radica na maneira de liderar proxectos nos que podemos ver bateristas ou baixistas femininas. Guadi, Tanxugueiras, Susana Seivane están agora cun concepto de músicas máis traballadas.

E Xiana Lastra é case unha muller orquestra, con ampla formación.

Estudei xornalismo, traballando uns anos pero agora dedícome á produción audiovisual, incluso videoclips, documentais ou deseño gráfico coa miña produtora Seispés. Unha cousa vai levando á outra pois aquí tes que facer ti case de todo, dende os carteis á produción dos discos e xiras propias e doutros grupos. Fun medrando con isto e converténdoo nunha profesión. A pesar dos estudos de piano ou canto, nunca pensara dedicarme profesionalmente á música, pero si en facelo ben.

E que pensa dos camiños que toman polo noroeste Rodrigo Cuevas, Ortiga, Tanxugueiras...?

Tanxugueiras ou Baiuca están na mesma liña nosa de levar a música galega cara á modernidade, e sobre outras liñas sempre hai debate entre puristas e outros co que debería ser a música tradicional. Eu non me meto, con que haxa calidade, todo está ben.

Ten raíces en Ortigueira e na Pontenova. O rural que lle aporta?

De feito a familia trasladouse a Ortigueira. Eu tamén, aínda que teño base en Santiago, vivo dende fai un ano nunha aldeíña da Estrada, en Loimil. E son filla de Pepín de Eladio e neta de Eladio Lastra, que tiña o autobús Rápido. A Pontenova encántame, ten moitas posibilidades para o sendeirismo e para gozar da natureza.

A música que fixeron de ‘Cando amence’ do ‘Abrente’ de Celso Emilio é preciosa.

Traballáramos antes nunha escolma de poemas del para os rapaces, coma con Rosalía.

E a de Catalina na foxa común, tremenda.

Está no segundo traballo, ‘Fábrica de luz’. Agora temos por diante o festival Revenidas o día 11 e logo poñerémonos co novo disco.

Comentarios