En compañía de animales

"Non lle estiven insistindo, colle as palabras que quere"

Aureliano García Basanta e o yaco Kiko ► Gústalle xogar ao fútbol e ás agachadas e que o acariñen. Ten medo aos fogos artificiais e aos gatos
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Lano García co yaco Kiko. ÁLVEZ

O yaco Kiko chegou á casa de Aureliano García Basanta, ‘Lano’, en San Cibrao con tan só dous meses, polo que aínda tivo que darlle papas mes e medio máis cunha xiringa, "unha especie de penso triturado que se mistura cun caciño de auga", explica.

Agora come noces, cereais, verduras, pipas e gústanlle tamén os baños baixo a billa do vertedoiro. O loro está nunha xaula, pero Lano sacao polo menos dúas veces ao día para xogar con él e que voe un pouco dentro da casa. "Cando fai bo tempo sacoo ao exterior para que tome o sol, pero hai que estar pendente del, hai moita gaivota e asústase porque o acosan. Por iso é importante que te vexa cerca, para que non teña tanto medo", di.

Xoga ás agachadas con el e tamén ao fútbol. Cando lle compra un xoguete novo teno uns días fóra ata que se acostuma, "senón ponse nervioso e pode arrincarse as plumas". Asústase tamén ao ver xente que non coñece.

Este é o segundo yaco de Lano, o primeiro escapoulle ao ano e medio. Aficionouse a eles cando estivo en Canarias, onde algúns bares tiñan exemplares amazónicos verdes e yacos, cos que xogaba, aínda que lle daban picotazos. Lano conta que os yaco non son os loros que máis falan, pero Kiko "canta cando quere, gústalle a música. Un disco de chachachá que puxen o outro día gústoulle moito, móvese con todo o corpo e emite sons intentando levar o ritmo".

Saúda co ‘ola’, di o seu nome e ‘gol, gol de España’, expresión que colleu ao ver a televisión, pois cando xogan ao fútbol coa pelota Lano só lle di ‘gol’. Este loro tamén é un pouco presumido, segundo o seu dono, pois gústalle que lle chamen ‘guapo’. Ademais di a que lle ten medo: aos fogos artificiais e aos gatos. ‘Miau, pupa Kiko’. O de ‘pupa’ pillouno ao dicirllo cando se achegaba coller xabón do vertedoiro, que lle fai dano, polo que Lano empezou a dicirlle "pupa Kiko" e así asociouno cos gatos.

Dos fogos di: ‘Pum pum pum’. Sinala que aprendeu él só, "non lle estiven insistindoe, colle as palabras que quere". Engade que "son simpáticos, escóndese debaixo da mesa, nas sillas, vai dunha para outra e diceche ‘ola’ para que o acariñes e xogues con él", conta. Agora a nova lei de benestar animal preocúpalle a Lano e non sabe se terá que rexistralo de novo nin como poderá telo.

Comentarios