"Nesta primeira quincena caeu todo pois a xente espera noticias"

O hostaleiro burelés Manuel Fernández di que houbo cancelacións pero ten visitantes animados e pendentes para vir en agosto
Manuel Fernández, coxerente do Hotel Sargo. D.V.
photo_camera Manuel Fernández, coxerente do Hotel Sargo. D.V.

A hostalería mariñana e moi especialmente a de Burela vive días convulsos pola crise do coronavirus e o confinamento da comarca en plena campaña estival. No mesmo centro burelés, Manuel Fernández Fernández mira con preocupación a pantalla de reservas e cancelacións mentras espera unha mellora nos casos do brote de Covid-19 para remontar en agosto . De momento, poucas explicacións ou certezas lles pode dar a uns clientes que, recoñece, seguen ilusionados por vir pasar días por aquí, a pesar de todo.

"Nesta primeira quincena caeu todo pois a xente espera noticias frescas e as poucas reservas que quedan en xullo están aguantando ata o último día para ir calculando", di Fernández, coxerente do Hotel Sargo. "Hoxe mesmo –falando deste mércores–, cancelou unha señora que tiña previsto vir a fin de semana".

O hotel acostuma a ter viaxeiros asturianos, vascos pero "tamén moitos de Madrid ou Cataluña". Di que do 27 en diante van aguantando as reservas, "algo de actividade temos, esperemos que non se alongue todo isto, porque agora mesmo vexo a situación como na primeira semana que reabrimos, logo do confinamento".

Outra volta aos temores: "A xente mira se pode pasar dentro, se hai pouca ou moita xente na cafetería, o mesmo que daquela ata que se foi normalizando un pouco todo e se perdeu o medo", di o hostaleiro burelés, para o que a nova normalidade vén cargada de sobresaltos como este novo confinamento: "Deste ninguén nos avisou previamente nin sabemos o porque dos cinco días. Os clientes chaman, e tampouco o entenden nin lles podes asegurar nada. Dicímoslles que os hoteis seguimos abertos pero A Mariña está confinada e non sabemos o que pode pasar logo de mañá".

As medidas de prevención están postas pero a preocupación neste sector, e tamén no resto do comercio e empresas de Burela que moven moitas mercadorías por toda España, é patente. Sábese de camareiros ou cociñeiros afectados, con locais pechados pola corentena ou por precaución en espera de que pase todo. "Tanto nós, como a xente de fóra que chama animada para vir aquí e evadirse no verán, queremos que isto pase".

O domingo, ante o confinamento, perdeu clientes de seis habitacións, algúns tiñan que reincorporarse ao traballo ao longo desta semana e preferiros marchar, e noutras cinco seguiron aloxados. Aínda ten por ler correos que lle chegaron da Xunta para axudas a autónomos, ante esta situación.

Respecto a votación da fin de semana, Fernández di que "a miña intención é ir votar, será o mesmo que no resto de actividades da vida diaria, cando vas a un supermercado ou a outro negocio, que hai que gardar as distancias de seguridade e levar mascarilla; no debería haber problema".

O CCA burelés traballa con normalidade
A asociación de comerciantes de Burela comunicou este mércores que o comercio local traballa con normalidade e "estremando as medidas de seguridade para dar aos clientes o servicio de sempre, coidando da saúde de tódolos veciños da nosa vila", subliña. O CCA burelao sinala tamén que "os negocios de hostalaría que pecharon neste días fixérono como medida de prevención e seguridade para os seus traballadores e clientes" e engade que "moitos locais hostaleiros seguen a traballar". O colectivo defende a comunicación, responsabilidade e sentidiño.

Comentarios