"No Nadal A Augaxosa convértese nun Vigo en pequeniño"

Cristina Nogueira López elixe esta aldea do concello de Riotorto como o seu recuncho na comarca
cristinta internet
photo_camera Cristina Nogueira López, coa Augaxosa ao fondo. JOSÉ Mª ÁLVEZ

"Non digo que son de Riotorto, digo que son da Augaxosa", asegura Critina Nogueira López, que tamén é a presidenta da asociación de veciños desta parroquia. A frase deixa moi claro o que sente polo seu pobo natal e que este é o seu recuncho: "Para min ten todo de especial". "Somos un pobo moi unido e encántanos facer cousas, sobre todo xuntanzas, ata quedamos para ver unha película e comer unhas pizzas", recoñece. 

E todo isto é posible porque están unidos, si, pero tamén porque a diferenza do que pasa noutras aldeas do rural que se están quedando sen xente, na Augaxosa están todas as vivendas ocupadas. "Había tres baleiras e vendéronse e veu xente nova vivir aquí, así que xenial". E é que Cristina destaca que dentro do concello, A Augaxosa está "moi céntrica e moi ben comunicada", xa que está a cinco minutos de catro localidades de referencia: Riotorto, Lourenzá, Trabada e A Pontenova. Sentindo o que sente pola Augaxosa non é nada estraño que para Cristina estea bonita en calquera momento do ano. "Aquí todo está sempre verde", asegura, "somos famosos pola néboa, porque temos moitos días con ela pero iso tamén nos permite que incluso no verán todo estea verde e iso é moi bonito". 

Pero a pesar disto hai unha época do ano na que A Augaxosa brilla con luz propia: o Nadal. "En decembro os veciños xuntámonos para decorar o pobo. Cada un na súa casa procura ter iluminación e despois, todos xuntos, decoramos o campo da festa e a capela e isto convértese nun Vigo en pequeniño", di Cristina, que subliña que "hai xente que vén ver a decoración que facemos, así que cada ano intentamos facer algo novo". Este ano xa lle andan dando voltas e traballan en poñer o nome do pobo no enreixado que rodea o campo da festa e unha estrela no centro sociocultural. "O presuposto non é moito porque ten que dar para todo e gústanos facer actividades ao longo do ano, pero sempre saen cousas", di. 

Comentarios