lunes. 09.12.2019 |
El tiempo
lunes. 09.12.2019
El tiempo

Música feita na casa, pero de verdade

'Zuecolín'. P.V
'Zuecolín'. P.V

A barreirense Olivia Canoura Rozas aliouse co artesán José Luís Álvarez Pardo nunha iniciativa que soa moi ben. El fai instrumentos musicais con material de refugallo que logo ela decora

Os instrumentos musicais que fai José Luís Álvarez Pardo están compostos na súa práctica totalidade por materiais de refugallo a excepción dun violín e un oukelele. El é o primeiro en recoñecer que non é un luthier "porque coñezo varios, sei como traballan e son uns artistazos, eu non teño nada que ver con iso". Conta que o que fai é tratar de alimentar unha tradición moi enraizada en Galicia que é a de tocar ao chou. "A min encántame ese costume que temos os galegos de arrancarnos a cantar case con calquer cousa: cunha caixa, unha botella de anís... Soa rústico pero a min paréceme fenomenal e a millor forma de pasalo ben", di. Xunto a el a súa compañeira nesta andaina peculiar é a barreirense Olivia Canoura Rozas, que vive en Celeiro, e que é a que se encarga da decoración dos instrumentos ou ben das caixas nas que os gardan.

José Luís Álvarez e Olivia Canoura. P.VOlivia relata que a súa colaboración con José Luís arrancou "porque nos coñecíamos de antes. A el gustáballe o que facía e a min esta idea pareceume fantástica, así que tivemos este contacto profesional e seguimos con el".

A base do que fan é sinxela sobre o papel, non tanto para executala. José Luis crea os instrumentos a base de moita imaxinación: un violín feito cunha zoca, unha guitarra cunha caixa de viño... E todo soa. El di que non lle importa moito "o que é o son como tal. Quero dicir que se és músico e vas tocar cunha orquesta sinfónica, esto non che vale, pero para ir a unha festa e arrancarte cos amigos, é perfecto".

Se como el di o son non está moi redondeado, si que o está a estética, do que se encarga ela.

Para inspirarse di que "máis ou menos me guío por cousas que el me di e traballo a base de pirogravado". "Buscamos algo medieval, rústico. Eu nunca fixera nada de pirogravado, pero si que sabía algo de cousas como a decoración medieval. Son cousas algo raras, pero a min sempre me atraeron as cousas raras", describe Olivia Canoura.

Conseguiron facer unha guitarra sacada dunha caixa de viño que ían tirar nun bar e que se pode conectar a un amplificador

Os dous teñen moi claro que é o que buscan obter como resultado final, que desde logo non é algo do que poidan vivir, porque ese non é seu obxectivo para nada. Contan que queren crear "algo único, que o que se leve esto para a casa saiba que ten no seu poder algo que non ten ninguén máis, que é algo que non pode repetir, que pensamos que é algo que tamén ten o seu valor".

José Luis sábeo moi ben porque él traballa como escultor e canteiro, un oficio do que fala de xeito orgulloso aínda que sabe que xa non se valora coma antes porque tamén ata alí chegou a produción a custes tan reducidos que el nin sequera pode competir con iso.

Mais para non ser un luthier anda sobrado de imaxinación. Fixo unha sinfonia, un instrumento precursor da zanfona pero que xa está no Pórtico da Gloria. O curioso é que a compuxo cunha caixa de madeira reciclada, as cordas dunha guitarra de xoguete ou un pousavasos. E aínda así lle arranca un son moi parecido ó da zanfona.

Algo parecido lles pasa co que bautizaron como zuecolín, unha variante do violín na que a caixa de resonancia é unha zoca de toda a vida e o mástil está feito tamén dun xoguete.

Se acadaron ese resultado con algo así, non é de extrañar que tamén acadasen algo como coller unha caixa de viño que ían tirar nun bar e construir con ela unha guitarra. Neste caso hai puntualización: "Tiven que meterlle a conexión para un amplificador, porque non me quedaba outra", explica o seu autor.

Orgullosos do seu traballo, Olivia e José Luis demostran que a imaxinación e a ilusión vence case todos os obstáculos.

Levaranos polas feiras pero tamén os teñen a través de Facebook
Os intrumentos que van facendo Olivia e José Luis van empezar a levalos a partires de agora ás feiras que de aquí en adiante e durante todo o verán se fan en moitos pobos por toda Galicia. Esperan acadar unha boa resposta. Pero para xente que ande xa metida nun mundo máis moderno do que eles mesmos representan na imaxinería dos instrumentos, pódense atopar en Facebook, concretamente en Agasallos a lume, onde se poden ver ben antes de adquirilos. Saben que non se farán ricos "pero non é o que buscamos, só pasalo ben e amosar o noso traballo".

 

Música feita na casa, pero de verdade
Comentarios