"O museo da Semana Santa é unha iniciativa necesaria e hai que seguir insistindo nela"

A directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, é natural do Folgueiro e ten a súa segunda residencia na cidade do Landro, a onde asistía ás procesións dende nena. Das súas lembranzas da Paixón falará no pregón da Semana Santa de Viveiro o sábado, pero tamén do patrimonio cultural inmaterial que fai única á celebración viveiresa.

Aurelia Balseiro foi elixida para pregoar a Semana Santa de Viveiro de 2020 pero as celebracións suspendéronse por mor da pandemia. O acto retómase este sábado ás oito e media no teatro Pastor Díaz e confesa que lle supón unha honra, "tendo en conta sobre todo que entre os 43 pregóns só houbo cinco mulleres". 

Aurelia Balseiro. VICTORIA FERNÁNDEZ
Aurelia Balseiro. VICTORIA FERNÁNDEZ

Conserva preparado o pregón dende hai dous anos ou modificouno? 
Xa o tiña preparado para daquela e decidín conservalo, obviamente facendo un engadido cunha mención ao que pasou. Como o obxectivo do pregón é anunciar e promocionar a Semana Santa, centreime en investigar e documentarme na historia, reactualizar eses coñecementos que xa tiña como historiadora, e volver mirar os pregóns anteriores para ver todo o que se levaba dito. A min correspóndeme o 44º pregón e é a primeira vez no século XXI que hai dous anos seguidos sen este acto, só houbo un caso no século XX de tres anos nos que non houbo pregón por outras circunstancias. 

Pode avanzar algo do contido? 
Por unha banda hai unha introdución subxectiva a respecto das miñas vivencias como viveiresa de adopción coa Semana Santa, e o fundamental do pregón vai ir centrado no patrimonio cultural, en concreto no inmaterial, falando do seu pasado, presente e futuro. Do pasado temos que lembrar non só o patrimonio que herdamos senón tamén aos nosos antergos; do presente hai que agradecer o traballo de toda a comunidade que implica a Semana Santa, o pobo de Viveiro e a Xunta de Cofradías que fai un traballo excepcional, e como futuro, dado que cuantitativamente xa está nuns niveis abraiantes, hai que conseguir que se incremente a difusión da Semana Santa alén do noso país. 

Que fai especial á Semana Santa de Viveiro? 
Obviamente, é unha celebración relixiosa que hai en moitos lugares pero en Viveiro ten un elemento de cohesión social e de identidade; non se poden organizar quince desfiles procesionais con corenta pasos só co traballo das confrarías e irmandades. Necesítase tamén o complemento de toda a cidadanía e ten un factor integrador con ese xeito de incorporar novos pasos, novos elementos, xente con capacidades diferentes, migrantes, o relevante papel das mulleres. Todos eses son elementos inmateriais que teñen moitísima importancia e nos distinguen e identifican con respecto a outras semanas santas. 

Á parte dese patrimonio inmaterial hai un material moi importante, ve positivo o proxecto de crear un museo da celebración? 
É unha iniciativa positiva e necesaria. Estase avanzando no acondicionamento dos claustros de San Francisco, que teñen uns espazos axeitados para exposición, e aínda que son moi loables as iniciativas que se levan feito de exposición estable hai que seguir insistindo nesa liña do museo. 

Cal é súa relación con Viveiro e a Semana Santa? 
Nacín no Folgueiro e de pequeniña Viveiro era a nosa vila, onde iamos para todo. Concretamente en Semana Santa despois de asistir ás misas en Suegos ía con meus pais e os meus tres irmáns ver as procesións diurnas a Viveiro; recordo con moita emoción a Borriquita, tamén o Desencravo. Despois tiven a sorte de namorar dun viveirés e agora son viveiresa de adopción; casei en Viveiro, teño os fillos bautizados en Viveiro e aínda que vivo en Lugo, outra moi nobre e leal cidade, Viveiro é a miña segunda residencia.

Comentarios