O museo de Cunqueiro conta con novos obxectos

O seu fillo César doou nove pezas e tres cadros que foron propiedade do escritor e que xa poden verse no espazo expositivo de Mondoñedo
Vitrina con algúns dos novos obxectos do museo. EP
photo_camera Vitrina con algúns dos novos obxectos do museo. EP

A Casa Museo Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo conta cunha docena de novos obxectos que foron propiedade do escritor e que acaban de ser doados polo seu fillo César Cunqueiro González-Seco. Así, entre o novo material que xa está exposto figura o anel do escritor polo título Doctor Honoris Causa concedido pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) en 1980, a medalla da concesión do Pedrón de Ouro tamén no 1980, a figura correspondente ao Premio da Crítica-Galicia 1979 de creación literaria e o prato conmemorativo do 4º premio literario Ánxel Fole de Lugo do ano 1990 coa efixie de Cunqueiro. Tamén se poden ver obxectos persoais como a súa petaca de puros, a carteira coas súas iniciais na parte dianteira, o seu catador de viños, unha bola de neve de Carcasone da súa colección privada e o petador do seu domicilio en Vigo.

A maiores pódense ver tres novos cadros: unha carta enmarcada entre Cunqueiro e Vicente Risco, unha fotografía da súa dona Elvira e un poema orixinal dedicado a Uxío Novoneyra asinado.

Tanto dende o Concello como dende o museo quixeron agradecer publicamente a César Cunqueiro a doazón deste novo material que completa os fondos do museo dedicado ao escritor na que fora a súa vivenda da Praza da Catedral da cidade.

Coas novas normas en vigor derivadas da situación de pandemia, as visitas ao museo pódense facer de martes a domingo entre as dez da mañá e as dúas e dende as catro da tarde ás sete. O contacto para a visita e toda a información relativa á mesma ou ao control de aforo pódese consultar na oficina de turismo, sita na mesma Praza da Catedral, ou ben no teléfono 982.50.71.77.

RECORDO. Precisamente esta fin de semana celebrouse o corenta aniversario do pasamento do escritor cun acto no que non faltou a tradicional ofrenda floral na sepultura do autor, seguida dun acto no auditorio da cidade no que se entregou a distinción Cunqueiriano de Honra, que este ano recaeu en Rexina Rodríguez.

Nos actos estiveron presentes o seu fillo César, ademais do coordinador do museo, Armando Requeixo, e diversas autoridades.

Comentarios