Ás mulleres nunca lles faltan traballos

Veciñas agora xubiladas lembran a dureza dos seus anos mozos, nos que non lles quedou outra que poñerse a traballar e, dentro ou fóra do fogar familiar, non deixaron de facelo en ningún momento. Hoxe están máis liberadas e gozan das afeccións
undefined
photo_camera María Elena Rey, en costura xunto ás amas de casa de Burela. JOSÉ MARÍA ÁLVEZ

Mariñás nadas nos anos 40 fan un repaso pola súa vida desde a xuventude, na que non tiveron oportunidade de estudar máis alá da ensinanza básica e comezaron a traballar a curta idade para contribuír á economía familiar. Levaron camiños diferentes despois de casadas pero o traballo, doméstico, no campo ou no negocio acompañounas sempre, ademais de sacar adiante aos fillos e coidar dos maiores. Recoñecen que hoxe as xeracións novas o teñen máis doado, a pesar de que quedan moitos pasos que seguir dando.

María Elena Rey, veciña de Burela: "Carretaba auga con caldeiros para as bañeiras dos veraneantes"


A veciña de Burela María Elena Rey Pernas, de 74 anos, recoñece que hoxe vive comodamente, pero que ao longo da súa vida fixo "moitos sacrificios". Naceu en 1949 en San Cibrao nunha familia de cinco irmáns na que o seu pai pasaba tempo fóra ao navegar en barcos de altura e a súa nai non gozaba de boa saúde, polo que ela e unha irmá empezaron ben novas a traballar de lavandeiras "para os que de aquela podían pagar: o médico, o mestre, un abogado..." e para os veraneantes que chegaban a San Cibrao, que "daquela tiña máis que Foz, era un paraíso". "Había que ir lavar a roupa ao río, porque entón non había traída, ou carretar auga desde o pozo de don Fernando, que era a única casa que tiña e cobraba unha renda mínima ao ano", lembra.

Relata que limpaban e lavaban a roupa para os turistas en casas e tamén no hotel Bella Vista que se construíra daquela. "Carretabamos do pozo para encherlles as bañeiras de auga limpa, para repasarse cando viñan da praia", e cobraban "dúas pesetas o caldeiro" de auga transportado. "Agora os netos alucinan se lles conto que carretabamos un caldeiro na cabeza e outro na man", di.

María Elena estudou ata os 14 anos e déranlle unha beca "de 14.000 pesetas" para seguilo facendo que a súa nai rexeitou por non facer distincións entre os irmáns. "Despois déronlla a outra rapaza de San Cibrao que sempre me está agradecendo que ten a carreira grazas a min", comenta. Ata que casou, traballaba para os veraneantes e bordaba: "Nun mes aprendín a bordar a máquina e xa o facía para fóra. Bordaba un xogo de cama para unha clienta e co que me pagaba compraba un para min, e cando casei tiña un enxoval bastante completo", di.

Casou no 72 con Santiago Santos, actual propietario de Garsán, que daquela "traballaba de mecánico", e tiveron tres fillos. "Con moito sacrificio démoslle carreira aos tres. Eu quedei na casa para atendelos e tamén tiña cochos e pitas", relata. Máis adiante coidou dos sogros, dunha tía e dun primo do home, e tamén dos netos, sobre todo cando aínda non ían á escola.

Recoñece que a súa vida deu "un xiro de 180 graos" cando aos 55 sacou o carné de conducir, despois de que as fillas a agasallaran coa matrícula na autoescola, e agora que non ten cargas familiares e ten unha axuda na vivenda goza das súas afeccións, sobre todo ler libros, facer sopas de letras ou acudir aos talleres de costura e de memoria da asociación das amas de casa. "O meu relax de cada día é facer pola mañá o almorzo, baixar polo periódico El Progreso e botar un pedazo léndoo, iso encántame", comenta.

Cre que hoxe "evolucionouse moito" en materia de igualdade, sobre todo nas oportunidades de encamiñar unha formación e saída laboral con respecto ás que tiñan as rapazas da súa época. "Agora a que non estuda é porque non quere", manifesta.

Ofelia Baamonde, veciña de Trasbar:  "Mentres o home se senta, unha muller aínda segue traballando"


Ofelia Baamonde Casariego acaba de cumprir 84 anos na súa casa de Trasbar, en Cervo, a mesma na que naceu en 1940 e na que traballou toda a súa vida en tarefas do campo, domésticas e de coidados. "Tiven pouca escola porque son a única filla e desde pequena tiven que traballar. Non me daba nin tan sequera o día para ir aprender a coser, estaba traballando seguido", recorda, nas tarefas do campo e dos animais, pois na casa tiñan vacas e terreos de labranza.

                      María Elena Rey, en costura xunto ás amas de casa de Burela.
Ofelia Baamonde, cos seus bordados na súa casa de Trasbar. JOSÉ MARÍA ÁLVEZ

"Había que traballar moi duro, non é como agora. Os meus fillos tamén traballaron, pero tanto coma min, non", relata Ofelia, que casou aos vinte anos e ten cinco fillos, dez netos e seis bisnetos, máis outro en camiño. "O meu marido, que morreu hai 26 anos, traballou comigo no campo aínda que tamén foi uns anos ao mar, ao bonito, e tamén á madeira ata que lle entrou a enfermidade e xa non puido volver", comenta.

A cervense recórdase sempre traballando, "mesmo amañando que comer, que facendo a limpeza ou saíndo ao campo, e así sempre", cunha carga que na casa sempre foi tradicionalmente maior no caso das mulleres: "Danlles de comer aos homes e eles aínda se sentan, ou vanse, e as mulleres seguen traballando", di. Cre que por fortuna para as xeracións posteriores as cousas cambiaron "moito" nestes anos.

A crianza dos cinco fillos non foi sinxela e compartíaa coa súa nai cando ela tiña que saír facer as tarefas agrícolas. "Miña nai padecía moito e non lle deixaba traballar fóra porque non podía, así que ía eu e deixábaa cos nenos. Cando se poñían enfermos a primeira cousa sempre era atendelos a eles, igual os deixaba coa mamá e ía facer o traballo pero volvía á présa correndo para ver como estaban", conta. Acórdase dunha vez que varios deles colleron o sarampelo e enchéronse de brincar na cama, "pero non facían mal a ninguén, eran moito máis bos que son os nenos de agora".

Ofelia tivo que coidar da súa avoa, despois dos seus pais e finalmente do seu marido. Ao falecer o home e quedar soa na casa fóronse vivir con ela unha filla e a súa familia. "Estou contenta con eles", di a cervense, que pese a recoñecerse regular de saúde, con varias operacións ás costas, aínda fai algunha tarefa pola casa. "Moito non, porque non podo, pero na casa aínda sigo facendo algo. Se non está a filla amáñolle algo de comida ao neto cando vén de traballar", conta.

Bordar, o macramé, a tele ou as sopas de letras son algúns dos seus entretementos. "Gústame máis bordar que ir á terra", conclúe.

Juanucha Rañón, veciña de Ribadeo: "Daquela ninguén te poñía a estudar e eu axudaba no que fora"


Tamén é do 1949 pero xa cumpriu os 75 a ribadense Juanucha Rañón Martínez, que naceu na coñecida casa de Foguete de Vilaframil, onde se lembra dende sempre axudando no negocio familiar. "Cando era eu pícara había unha taberna con estanco e despois un almacén de abonos, sal... Máis adiante miña irmá e meus pais fundaron o restaurante Casa Foguete", di a muller, que foi á escola ata os 14 anos. "Daquela época nas aldeas ninguén te poñía a estudar e cando parei de ir empecei a axudar na casa de meus pais, facendo de todo", sinala.

                      María Elena Rey, en costura xunto ás amas de casa de Burela.
Juanucha Rañón, con fotos antigas da pastelería Eijo, á que adicou a súa vida. JOSÉ MARÍA ÁLVEZ

Foi traballando no restaurante familiar como coñeceu ao seu futuro marido, o fillo dos donos da Pastelería Café Bar R. Eijo de Ribadeo, que despois rexentarían xuntos. "Viña facer o reparto, eramos clientes deles, e empecei a andar con el o 8 de setembro do 66 nas festas da patroa de Ribadeo", lembra. Casaron tres anos despois, cando ela tiña vinte, e asentouse en Ribadeo, onde empezou a aprender o oficio de pasteleira. "Gustoume moito. Era moito traballo pero fíxeno sempre encantada", sinala, coa única pega do horario: "Non era como agora que se traballan oito horas, hai días libres e vacacións. Daquela non había horarios, en todo caso para entrar, pero non para saír. Entrábase ás cinco da mañá e había noites en datas moi sinaladas que igual estabas ata a unha da madrugada, para volver entrar ao día seguinte ás cinco".

Juanucha ía cara ao mediodía porque polas mañás facía "o traballo da casa e lavaba a roupa" antes de ir para a pastelería, onde pasaba o resto da xornada. Cando tiveron os fillos levábaos con ela para o negocio e mentres traballaba miraba deles a sogra, e recoñece que puido aliviarse do traballo da casa despois cando puido ter unha muller que lle axudaba polas mañás.

O negocio pasou a mans do seu home e dela tralo falecemento da súa sogra e a xubilación do sogro, ao que coidou despois de que lle fora diagnosticado alzhéimer. "Atendémolo entre o meu marido e eu e os fillos tamén axudaban", di. Logo diso os problemas de corazón do seu home precipitaron o peche da pastelería en 2007, e falecería máis tarde.

Juanucha cre que a situación da muller cambiou moito nestas décadas aínda que no seu caso non se queixa da vida que tivo nin do reparto de responsabilidades dentro da parella, tendo en conta a dedicación que requería o negocio. Hoxe agradece "ter tempo para todo", especialmente para saír coas amigas.

Comentarios