María José Freire: "O muíño e o lavadoiro fan un conxunto moi bonito"

O seu recuncho favorito é a área recrativa de Pereiro
María José Freire, nunha das pontes sobre o Baos. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera María José Freire, nunha das pontes sobre o Baos. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A área recreativa do Pereiro, na parroquia laurentina de Santo Tomé, é unha paraxe que parece sacada dun conto. Tanto a zona do muíño, na que tamén hai un lavadoiro, como o paseo peatonal a carón do río Baos forman un dos conxuntos naturais máis fermosos que se poden atopar neste concello. "É un paseo peonil moi bonito que vai parello ao Baos no que se poden atopar varias pontes de madeira e tamén hai pequenas fervenzas que lle dan un encanto especial ao lugar", asegura María José Freire, presidenta da asociación cultural Osorio Gutiérrez. "O muíño e o lavadoiro crean un conxunto moi lindo", engade.

"Está preto da casa, así que imos moito porque ademais de ser moi bonito e tamén moi tranquilo", asegura, e engade que "cando non hai plantacións de faba pódese ver dende alí todo o val e o pazo de Tovar polo que tes unha panorámica preciosa". Por iso é un lugar de paseo para os veciños da zona e tamén para os afeccionados a correr, que nesta época de pesca deben compartir este recuncho cos pescadores, que se afanan por sacar algunha troita do Baos. Tamén forma parte da Ruta da Faba, creada arredor dun dos sinais de identidade de Lourenzá.

O encanto particular que ten este espazo tamén o fai un lugar escollido para a fotografía e son moitos os que o elixen para facer instantáneas de momentos especiais, como comuñóns. "Tanto o muíño como o lavadoiro están restaurados e ben conservados, así que ofrecen unha imaxe preciosa para as fotos", recoñece María José, que recorda cando os nenos máis pequenos se metían a bañarse no lavadoiro, "porque non cubría e era o suficientemente grande".

Para María José, cando máis encanto ten o paseo é no outono ou no inverno, "porque xa non hai fabas e podes ver todo o val e o río baixa con máis caudal, polo que o murmurio da auga é máis forte".

O gusto de María José por esta zona é tal que a palabra que máis usa falando dela é "bonito".

Comentarios