Mondoñedo xa ten listo o proxecto do novo aparcamento no casco histórico

O Concello presentará o traballo ao Ministerio de Fomento na segunda semana de xaneiro, aínda que o documento está aberto as posibles propostas que podan facer veciños e colectivos

Un dos proxectos do equipo de goberno de Mondoñedo é a creación de prazas de aparcamento no casco histórico da cidade, tendo en conta que as rúas son estreitas e non permiten o estacionamento e tampouco este é posible na Praza da Catedral. Para iso, deseñou un novo aparcadoiro detrás da igrexa nova, na travesía Casas Novas, do que xa está listo o proxecto para presentarllo ao Ministerio de Fomento, que será quen financie a actuación.

Segundo avanzou onte a alcaldesa, Elena Candia, o documento presentarase no ministerio na segunda semana de xaneiro, aínda que os veciños e asociacións aínda poden achegar as súas propostas ao documento se así o desexan. "As novas instalacións non só servirán para aumentar as prazas de aparcamento na cidade senón que tamén permitirán sacar do casco histórico os contedores que afean as zonas históricas máis emblemáticas", explicou a rexedora, xa que o proxecto contempla habilitar unha zona para albergar colectores.

A memoria construtiva recolle plantar árbores caducifolias e crear unha zona para albergar contenedores de lixo

A intervención prevista, que se levará a cabo en dúas parcelas adquiridas polo Concello e nunha terceira que cedeu a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ten un presuposto estimado de 142.443 euros e permitirá a creación dunhas 121 prazas de aparcamento. A memoria construtiva do proxecto que recibirá Fomento explica que as actuacións que está previsto executar pasan por regularizar a pendente existente nas parcelas e regularizar a capa superficial con macadam de base e zahorra na parte superior. Tamén está previsto manter a vexetación existente que non dificulte o acceso rodado e derrubaranse as edificacións de carácter agrícola que aínda se conservan na zona.

No que se refire ás prazas de aparcamento, acondicionaránse con lousas de céspede colocadas sobre firme de zahorra e os ocos encheránse de turba na que se sementará céspede. Deste xeito, gárdase similitude con outro aparcamente feito na cidade, o de Alcántara, tendo os dous a mesma liña estética.

Tamén será preciso modificar as beirrúas para garantir o acceso rodado á vía pública.

DETALLES. Unha vez acondicionado o terreo plantaránse árbores caducifolias, coma castaños, carballos ou serval de cazadores, así coma céspede. O aparcadoiro tamén estará debidamente indicado con varios sinais verticais colocados sobre postes de aceiro galvanizado.

No que se refire á iluminación, está proxectada unha instalación de alumeado público que consiste na colocación duns mínimos puntos de luz, axeitados para a iluminación de parques e xardíns, que irán conectados á rede de alumeado público a través dunha farola xa existente.

Tamén está proxectada a recollida das augas pluviais.

Comentarios