Martes. 11.12.2018 |
El tiempo
Martes. 11.12.2018
El tiempo

Mondoñedo viaxa no tempo ata a etapa medieval esta fin de semana co seu Mercado

Presentación do Mercado Medieval de Mondoñedo. LUIS POLO
Presentación do Mercado Medieval de Mondoñedo. LUIS POLO

A cita foi declarada o ano pasado Festa de Interese Turístico Galego

A XXVII edición do Mercado Medieval de Mondoñedo xa está en marcha despois da presentación deste xoves en Santiago do evento. A cita, declarada o ano pasado Festa de Interese Turístico Galego, celebrarase entre este venres e o próximo domingo.

A festa inclúe unha ampla programación con animación na rúa, música, actividades de recreación histórica, demostracións e obradoiros para todas as idades, degustacións e venda de produtos da terra. Os encargados de presentar as actividades deste ano foron a alcaldesa, Elena Candia, o director da Escola de Música Municipal, Xan Carballal, e o concelleiro de Xuventude, Alberto García.

Na presentación, agradeceron a colaboración de asociacións como Amigos do Mercado Medieval, Xoldra e O Pasatempo que "ano tras ano traballan desinteresadamente nesta cita". José Ramón Montenegro, Espina, será o pregoeiro deste ano.

As actividades comezarán este venres ás 20.00 horas cunha batucada a cargo do Grupo Mondrum. A Escola de Música estreará a obra O amor de Afonso Reimúndez este venres ás 22.00 horas. Tamén participarán outras agrupacións de Lugo e o grupo Souto Xímaro.

Ás 23.00 horas está prevista a recreación da época na que se constituíu a cidade de Mondoñedo sobre o Rendemento de Bandeiras ao Rei Alfonso VII nun acto simbólico en homenaxe aos amigos do Mercado Medieval.

Durante a xornada do sábado, abriranse os postos de artesanía ao público ás 11.00 horas mentres que ás 11.30 agárdase o desfile das Compañías desde o Seminario e a saída da comitiva para o pregón que se celebrará ás 12.00 horas. Haberá unha degustación de liscos, pan, viño e cervexa na Praza da Catedral entre as 12.00 e as 17.00 horas. O Gran Torneo Medieval celebrarase ás 20.00 horas no campo de fútbol do Seminario e a cea da Praza da Catedral comezará ás 21.30 horas.

Os postos abrirán ás 11.00 horas o domingo e ás 13.30 oficiarase unha voda medieval polo rito mozárabe na Fonte Vella. Espectáculos, unha nova edición da Captura do Mercenario, unha exhibición de cetrería ou un novo Gran Torneo Medieval ás 20.00 completarán a xornada. Unha actuación musical e Fire Performans pecharán a cita.

Mondoñedo viaxa no tempo ata a etapa medieval esta fin de semana co...
Comentarios