viernes. 30.10.2020 |
El tiempo
viernes. 30.10.2020
El tiempo

Mondoñedo mantén viva a tradición das feiras das San Lucas con cinco días de actividades

Ambiente festivo nas San Lucas do ano pasado. AEP
Ambiente festivo nas San Lucas do ano pasado. AEP
O cabalo manterá o protagonismo aínda que non haberá feira nin baixada polas rúas da cidade e poderá degustarse o polbo na alameda

A evolución da pandemia xa facía prever que este ano as feiras das San Lucas de Mondoñedo non ían ser o mesmo doutros anos. Con todo, a asociación As San Lucas, que se encarga da súa organización, confeccionou un programa con cinco días de actividades cos que manter viva unha tradición de case 900 anos. "Quixemos conxugar a saúde co desexo de manter a tradición destas feiras", explica Miguel Souto, o presidente da asociación As San Lucas. "As actividades e actuacións que están previstas fixéronse con todas as medidas para garantir a seguridade ao mesmo tempo ca esencia das festas".

Así, as San Lucas de 2020 manterán o cabalo como protagonista aínda que non haberá nin a tradicional feira no Campo dos Paxariños nin a baixada dos cabalos polas rúas da cidade, un espectáculo que cada ano reúne a milleiros de persoas. O sábado está previsto o concurso de cabalos trotóns e o domingo será a final da Copa Galicia de morfoloxía de pura raza galega e a continuación está previsto un espectáculo de doma con cabalos de raza galega. Estas actividades serán no recinto da Granxa.

Pero o programa aúna tradición, cultura e música. Este venres dará comezo coa recepción das autoridades que se fará nos xardíns que sobre a Praza da Catedral acollen a estatua de Álvaro Cunqueiro, a placa de Alfonso VII e o monolito de Pardo de Cela. Alí será a lectura do manifesto do mariscal e despois faráse a ofrenda floral no interior da catedral. De aí partirá a comitiva das sanluqueiras —Uxía Carballal, Cecilia Lombardía e Daniela Lombardía— e o sanluqueiro Álex Barreira ata o auditorio. Alí o director da escola de música municipal, Xan Carballal, será o encargado de ler o pregón.

Xa o sábado, día das vésperas, manterase o encontro folclórico aínda que muda de formato e as formacións farán pasarrúas e actuarán en distintas prazas da cidade. A partir das oito e cuarto da tarde proxectarase un vídeo mupin sobre a fachada da catedral e a continuación será o concerto de Xosé Lois Romero e Aliboria. Ao finalizar a música haberá outra proxección na fachada da catedral. Os espectadores deberán estar sentados e o aforo será limitado. Ao rematar estas actividades, e tras a desinfección do recinto, volverán a proxectarse os dous vídeos mupin. Ese día na alameda haberá unha verbena con aforo limitado a cargo de Aroma.

Para o domingo está prevista a ofrenda a Pascual Veiga no cemiterio e a presentación do libro ‘Contrahistorias de Galicia’ de Antonio Reigosa. Pola noite tamén haberá música na alameda e para rematar o día unha sesión de fogos artificiais que se poderán ver desde distintos puntos da cidade. Para o luns, festivo local, o programa recolle a misa na catedral, pasarrúas, sesión vermú e verbena na alameda e un espectáculo de maxia no auditorio. Finalmente, o Día das Maulas haberá unha actuación de Micromina Títeres interpretando cantigas de Alfonso X.

Tamén se manterá a tradición de degustar o polbo na alameda onde se instalará a pulpería Mario de Viveiro e nas rúas haberá algúns postos, aínda que non moitos porque é preciso manter as distancias de seguridade entre eles e deixar espazo na rúa e na beirarrúa para que o movemento de xente conte con espazo suficiente. "Estará todo sinalizado para subir e baixar e haberá dispensadores de hidroxel, ademais da obrigatoriedade de usar a máscara en todo momento", explica Souto.

"Estes últimos anos foron os mellores da historia das San Lucas polo gran prestixio que foron gañando e a afluencia de xente e este ano ao ser o 18 un domingo as previsións eran que asistira moita xente, pero tivemos que asumir a nosa responsabilidade e adaptalas a esta nova realidade", recoñece Souto, que subliña que "é mellor que a xente teña un entretemento ordenado ca nada".

Mondoñedo mantén viva a tradición das feiras das San Lucas con...
Comentarios