Mondoñedo festexa a edición 867 das San Lucas entre o 17 e o 22 de outubro

Na baixada haberá uns 500 cabalos e o programa inclúe feira, concursos e exhibicións. Para pechar, actúa Budiño
undefined
photo_camera Asistentes á presentación, este venres na sede da Deputación en Lugo. EP

Os amantes do cabalo teñen unha cita ineludible nas San Lucas que se celebran do 17 ao 22 de outubro en Mondoñedo, cuxa edición 867 foi presentada onte en Lugo. Á parte dun amplo programa arredor do mundo equino non faltará a festa, con verbenas todos os días e un concerto de Xosé Manuel Budiño para pechar as celebracións.

O salón de actos do Pazo de San Marcos acolleu o acto no que interviron a deputada de Cultura, Iria Castro; o de Medio Rural, Daniel García; o xefe territorial da Consellería de Política Social e Xuventude, Javier Vázquez Nodal; o presidente da asociación As San Lucas, Miguel Paz, e o concelleiro de Cultura mindoniense, Alberto García. Iria Castro lembrou a achega de 20.000 euros da Vicepresidencia a esta cita e salientou "a raíz gandeira e popular das San Lucas, que se vén celebrando desde 1156 e que recolle o pouso cultural e social de séculos de relación co cabalo e co medio natural", ademais de facer fincapé na "espectacularidade coa que esa tradición se reflexa na tradicional baixada cos cabalos, que abre as festas".

Dende a Xunta trasladaron o apoio a esta cita con axudas de Medio Rural e de Turismo de Galicia, estas últimas a través da convocatoria de achegas para festas de interese turístico.

PROGRAMA. A baixada dos cabalos a Mondoñedo na véspera das San Lucas abrirá o programa da feira o luns 17. Serán uns 500 animais os que baixen dende os montes próximos ata a cidade, pasando polo barrio dos Muíños, a rúa San Roque, a Fonte Vella e a Praza da Catedral para rematar no Campo da Feira, onde, ao día seguinte, se celebrará a Gran Feira Tradicional de Gando Cabalar.

A axenda arredor do cabalo inclúe a entrega dos premios as gandeirías participantes na baixada e na feira o martes 18, a segunda edición do Concurso de Andadura de Cabalo Marchador Galego, coa colaboración de Puraga o mesmo día, o espectáculo de doma nocturna, con especialistas internacionais o xoves 19 e o venres 20, e certames morfolóxicos, exhibicións de doma e certames de andadura ao longo das xornadas do sábado 21 e o domingo 22. Miguel Paz, presidente da organización, destacou que "o obxectivo é que tódalas persoas amantes dos cabalos poidan desfrutar dunha ou outra maneira das San Lucas".

Ademais, actuarán as agrupacións Aroma, Olympus, Salsarena, Los Satélites, Santa Cecilia, Kubo, Cinema, Pepe Benavente, Ritmo Joven, Panamá e Alkar.

Comentarios