Moita historia en San Tirso

As escavacións no xacemento de Xove sacaron á luz dúas estruturas de vivendas do castro ► O equipo de arqueólogos e o Concello organizan xornadas de portas abertas para rematar
O equipo, na sondaxe na que apareceron estruturas de dúas vivendas do castro. CADO ARQUEOLOXÍA
photo_camera O equipo, na sondaxe na que apareceron estruturas de dúas vivendas do castro.

A segunda semana de escavacións arqueolóxicas no xacemento de San Tirso de Portocelo en Xove sacou á luz dous espazos habitacionais de edificios pertencentes ao castro, unhas estruturas de pedra que segundo sinala o director dos traballos, David Fernández Abella de Cado Arqueoloxía, "atópanse en bo estado de conservación e posiblemente teñan unha cronoloxía da época galaicorromana, coma os castros de Punta Atalaia en San Cibrao ou de Fazouro en Foz".

Tamén puideron comprobar que o sistema defensivo do castro queda anulado parcialmente polo asentamento posterior do "mosteiro dúplice do século VIII" coa súa necrópole altomedieval asociada, que foi localizada na semana inicial de traballos e que desvelou a existencia de cinco tumbas na primeira cata aberta.

As escavacións retómanse mañá e nesta última semana, na que estaba previsto abrir unha terceira sondaxe, finalmente profundizarán na segunda "debido ao interese e complexidade dese espazo, con niveis sen tocar desde hai dous mil anos. Merece a pena ir máis despacio e profundizar nestes ata chegar aos niveis de chan orixinal", explica Fernández Abella, que fala dun xacemento "moi prometedor".

Ademais das estruturas na escavación teñen aparecido obxectos de interese, nesta última fase "un peso de pedra que era o que se poñía para darlle estabilidade ao tellado de palla ou de colmo, como o que levan as pallozas". Na primeira semana atoparan unha conta de colar prerromana, un achado pouco frecuente neste tipo de xacementos e que puido ter chegado ao lugar a través de actividades comerciais; dúas fusaiolas -empregadas para o fiado-, unha delas de granito e a outra de cerámica, así como numerosos restos de cerámica, a meirande parte deles da Idade do Ferro.

As prospeccións levantaron unha grande expectación e houbo días nos que as visitaron ata vinte persoas. Para rematar estanse organizando unhas xornadas de portas abertas, o sábado para adultos e o domingo para nenos -hai que anotarse no Concello-, e tamén irán esta semana alumnos do instituto de Xove.

Comentarios