María José Mon: "É moi cruel que haxa corpos sen recuperar e xente que se opoña"

Esta burelesa agradece o labor da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica e do Concello ribadense para poder recuperar os restos do seu avó
María José Mon. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera María José Mon. JOSÉ Mª ÁLVEZ

María José Mon López, burelesa profesora de lingua castelá no IES de Foz, é unha das netas de Manuel Mon Miranda, un dos represaliados cuxos restos vai exhumar a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) da foxa común do cemiterio de Ribadeo. O seu avó, que era de Burela aínda que nacera en Luanco, foi asasinado no asalto a Ribadeo polas tropas falanxistas o 23 de xullo de 1936. Era carabineiro e sorprendérono mentres estaba de garda na parte traseira do consistorio de Ribadeo, na rúa Ibáñez. Tiña daquela 44 anos, estaba casado en Burela con Joaquina Expósito Baño e deixou catro fillos, hoxe todos falecidos: José, Nicasio, Manuela e Antonio. Este último era o pai de María José.

Sabía que o seu avó estaba na foxa común do cemiterio de Ribadeo?
Sabía que estaba no cemiterio pero non exactamente onde. O meu pai no 36, cando morreu meu avó, era moi pequeniño, tiña tres anos, a miña avoa faleceu pouco despois, en 1939, e os irmáns maiores de meu pai tamén morreron novos. Non sabiamos máis.

Como empezou a súa busca?
Unha vez, hai anos, apareceu no periódico publicado un artigo contando o que pasara ese 23 de xullo en Ribadeo e poñía un correo de contacto, o do investigador Miguel Freire, por se había alguén que soubera. Como nese artigo se nomeaba o meu avó, púxenme en contacto e, a partir de aí, foi el o que investigou e estámoslle moi, moi agradecidos. O primeiro que me enviou foi unha acta de defunción e seguimos en contacto ata que o ano pasado, cando o Concello de Ribadeo decidiu facer o das Pedras da Memoria, preguntoume se tiña a súa partida de nacemento. Non a tiña, pero encargouse el de buscala. Agora volveuse a poñer en contacto comigo para dicir que atoparan o posible lugar onde estaba e se nos interesaba a exhumación, que tiven que solicitar a través da ARMH.

Avisaranos cando se vaia facer.
Contamos con que sexa para o mes de xullo. Se aparecen os restos, despois haberá que analizalos e pasada esa fase sería cando nos fariamos cargo deles.

Ten pensado onde quere que descansen?
Non sabemos aínda, se cadra con meu pai ou con miña tía, que está enterrada en Burela.

Que supón para vostede poder recuperar os restos do seu avó?
En primeiro lugar é unha homenaxe a el, pero sobre todo a meu pai, que morreu hai 22 anos e sei que se estivese vivo por suposto que lle gustaría saber onde estaba o seu pai e poder recuperar os seus restos. Supón tamén, dalgunha maneira, recuperar as raíces que se perderon, porque a miña familia paterna para min é unha gran descoñecida ao faltarche a referencia dun avó e dunha avoa, que son os que transmiten a historia da familia aos demais. E supón que se faga xustiza. Con isto péchase un capítulo, pasaron 87 anos e é necesario ir pechando feridas abertas.

Hai moitas familias que aínda non puideron recuperalos.
Creo que nunha guerra cométense barbaridades por todos os lados, ninguén é santo, pero todo o mundo ten dereito a poder recuperar os corpos dos seus familiares e é moi cruel que haxa tantos corpos sen recuperar. E que aínda haxa oposición a iso paréceme incrible, que haxa xente que diga que é algo que quedou no pasado é bastante chocante, será porque non era seu pai, seu avó ou seu irmán. Xa non digo que pasase iso na época da ditadura, pero que dende a morte de Franco ata hoxe aínda teñas que estar pelexando e buscando e que dependas da vontade dos gobernantes dos concellos para que cho leven adiante... Nós estamos moi agradecidos ao Concello de Ribadeo por todo o que fixo e ao alcalde saínte en particular.

Na familia sabíase como morrera, que o asasinaran?
Sabíase, pero non era unha cousa que se falase. Creo que meu pai tampouco sabía moito, tiña tres anos cando morreu e aos nove foi para Madrid para un colexio de orfos da Garda Civil porque quedara sin pai nin nai, e aínda que o criou unha tía irmá de súa nai, penso que non falaban diso. El sabía que o mataran en Ribadeo, pero a xente maior non falaba do tema.

Vostede lembra de pequena preguntar polo seu avó?
Meu pai dicía que practicamente non se acordaba del. Miña tía, que se acordaba de máis cousas, contaba que era bastante estrito cos fillos e a xente maior que o coñecía de Burela lembraba que trataba moi ben á súa muller e que lle gustaba que levara a mellor roupa.

Tivo a familia algún outro problema co réxime?
Só me pareceu oír que unha vez tiveran que pedir un certificado de boa conduta e que non o quixeran dar por meu avó, porque non estaba a favor do alzamento.