Miriam Bermúdez: "Imos substituír o abastecemento dende Xunqueira ata Magazos"

O traballo amorease na mesa da tenente de alcaldesa de Viveiro, a nacionalista ocúpase das áreas de Medio Ambiente, Obras e Mobilidade ► Ten en marcha varios proyectos cos que mellorar aspectos do concello coma o abastecemento, o parque Pernas Peón, o punto limpo ou a mobilidade
Miriam Bermúdez JOSE M PALEO
photo_camera Miriam Bermúdez. JOSE M. PALEO

A concelleira nacionalista Miriam Bermúdez (BNG) debulla as liñas do traballo nas súas áreas e como atoparon o Concello de Viveiro.

Como levan gobernar sen presupostos e en minoría?
É unha situación moi difícil, non só por non ter presupostos, senón que á parte tivemos que asumir 800.000 euros en facturas sen pagar, que 300.000 son de luz. Iso implica que non puidemos actuar cos remanentes, porque foron para pagar uns traballos feitos que os proveedores tiñan que cobrar. Ter o orzamento prorrogado do 2022 afecta co persoal ao non poder incorporar traballadores da estabilización de prazas. Iso é o atranco máis grande. No pleno de decembro ninguén puxo unha soa pega ao orzamento, en positivo nin en negativo, simplemente votaron en contra. Despois a cada pleno veñen propostas de arranxar isto ou o outro, pero con que queren que se saquen adiante, para todo fai falla liquidez.

Vostedes rexeitan a forma de contratación, pero logo abstéñense. 
Cando fomos conscientes desa situación, tivemos unha reunión do equipo de goberno e acordamos paralizar esa práctica de inmediato. Hoxe todo se está contratando con proposta de gasto e acorde á norma. Votar en contra supón que os proveedores teñan que recurrir ao xulgado, o que supón máis gasto para os veciños. Abstémonos porque cremos que a xente ten que cobrar o traballo que fixo. Ademais, nunha porcentaxe moi importante son empresas locais.

O PP invitou á Alcaldía a presentar unha moción de confianza. De chegar o caso, vostedes apoiaríana?
Eu creo que non imos chegar a ese punto, os orzamentos van saír adiante. Non vai ser necesaria unha moción de confianza.

Deduzo que están adiantados...
Estamos intentando conseguir que saian adiante. Estase intentando acadar o que pide Por Viveiro para sacalos canto antes.

Incide na recollida do lixo, que mellorou no casco histórico, pero a percepción non é igual no resto.
O máis sonado é o premio da Escoba de Prata, que está relacionado unicamente coa iniciativa do quita e pon no casco histórico. Iso supón unha mellora. Coma en tódolos concellos hai xente descontenta. Ao mellor no rural as frecuencias deberían ser maiores. Co prego que temos, que é herdado, intentamos ofrecer as mellores condicións e, de feito, modificouse para incluír a limpeza das praias e ampliamos o tempo do servizo, van ser tres meses. Hai eivas, pero estamos intentando melloralo. 

Hai moitas rúas e pistas en mal estado.  Como fixan prioridades?
O máis difícil é establecer prioridades no medio rural, porque é moi grande, e ter unhas boas comunicacións no rural ten máis importancia se cabe. Imos facer unha auditoría de todas as estradas e vanse priorizar en base a que sexan conexións de núcleo, por número de veciños e tendo en conta as actividades: explotacións gandeiras e empresas. Case teño a financiación. Certo é que temos tamén moita necesidade de pavimento na zona urbana, pero non está previsto para o 2025.

"O arranxo de pistas vaise priorizar en base a que sexan conexións de núcleo, por número de veciños e tendo en conta se hai actividades: explotacións gandeiras e empresas"

As tubaxes da auga tamén rompen a miúdo, sobre todo de Xunqueira a Magazos. Téñeno en proxecto?
Vaise facer a reposición do pavimento das beirarúas dende a curva de Xunqueira ata a escola de Magazos e nesa obra imos substituír os tubos do abastecemento. Polo tanto, un tramo de case un quilómetro vai repoñerse con cargo ao Plan de Cooperación cos Concellos da Deputación. As obras deberían empezar neste ano. Faltaría outro dende o cruce de Landrove á potabilizadora, uns 500 metros. Se todo vai ben, poderemos facelo no ano 25.

Seguen buscando terreos para crear aparcamentos públicos? 
En Cantarrana (Covas) é onde máis necesidade hai. O que ocurre é que a calificación urbanística das parcelas libres non permite o uso que necesitamos, porque unhas están na porcentaxe verde que hai que reservar e o río afecta a outras, que serían zona inundable. Tivemos contactos cos donos das que valen, pero os da máis máis idónea non quixeron. Baixo a figura de contrato comodato, o que se lles ofrece é que deixan de pagar os impostos a cambio de ceder o uso ao Concello por uns anos. Propoñemos catro ou cinco porque hai que facer unha inversión en pavimento. Está sendo realmente complicado e ademais é urxente porque necesitamos darlle para diante ao proxecto da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), que é reordenar en espiga a avenida de Cantarrana, que melloraría moitísimo a visibilidade e a seguridade vial. Con iso perderíanse a redor de 80 prazas, que temos que asumir e buscar máis, porque fan falla. Non podemos darlle para diante ata que consigamos alternativa de aparcamento.

"É urxente crear aparcamentos públicos en Cantarrana porque necesitamos darlle para diante ao proxecto da AXI para reordenar en espiga as prazas da avenida de Cantarrana. Con iso perderíanse a redor de 80 prazas"

Que cumpriu do seu programa?
Está todo iniciado. Levo nove meses de traballo: A ruta de bus circular, hai presentado un proxecto e sigo en conversas coa Consellería de Mobiidade; o plan de estradas estase facendo e vaise facer a auditoría; estou encima dos aparcamentos, Seiramar xa é praia de uso compartido cos cans, imos sacar adiante as ordenanzas de acceso a praias e saca de madeira, que irán a aprobación definitiva para o pleno de xuño; e estou traballando nas de convivencia e de tenza de animais. Temos contratada unha empresa para facer o plan de mobilidade, que xa entregou parte do traballo. Nese plan vaise deseñar o carril bici, que a todo o mundo lle cadra desde a estación a Celeiro, pero hai que valoralo. En función do resultado veremos onde está a necesidade do carril bici, porque ao mellor non son os equipamentos que temos que conectar, ao mellor hai que tirar para outro lado, para os colexios. E tamén estamos elaborando con Cogami o plan de accesibilidade.

Máis actuacións en marcha?
Estamos preparando os pregos para licitar o proxecto do parque Pernas Peón, as beirarrúas de Magazos, o tractor, o parque da Atalaia. Vanse facer dúas amplliacións do saneamento na Pena (Vieiro) e en Celeiro, e tamén imos licitar a ampliación do punto limpo, que quedou pequena a zona dos electrodomésticos e vaise crear outra para a biomasa. 

"Quero contratar persoas con discapacidade para manter os xardíns da fachada viveiresa"

Hai moita zona verde que pide mantemento. Gústanlle as frores? 
A brigada de parques e xardíns está desbordada e a partir de agora máis, co tempo que fai non damos chegado. Temos catro traballadores para todo o concello. Temos un só tractor, pero conseguimos un convenio coa Deputación para ter outro. Estamos preparando o prego ñara contratalo, polo que os desbroces do rural teñen que mellorar, pero necesitamos incorporar o persoal da estabilización e aínda así temos un contrato para grandes áreas, coma monte Faro, paseo fluvial, cargadoiro da Insua... Hai moita rotonda, os patios dos colexios, é demasiado.

Que actuacións prevé?
Temos que facer máis sostibles os xardíns e hai unha tendencia coñecida como agroecoloxía que emprega técnicas de xardinería con resultados igual de bonitos e que dan menos gasto. Estou falando tamén cunha empresa que depende de Cogami, sen ánimo de lucro, chamada Dixardín, para facer o mantemento do paseo de fachada e as súas zonas verdes, dende a estación de autobuses ata a avenida de Ferrol. 

Como funcionaría?
Trato de favorecer a contratación de persoas con discapacidade e crear un servizo de mantemento integral que inclúa as baldosas e a prantación de máis frores, porque todo o mundo pide frores.

Comentarios