"O miradoiro da Barcela ofrece unhas vistas da ría moi bonitas"

Elisa Vilaseca, graduada en Turismo e presidenta da asociación barreirense Ollomao, elixe este punto da costa de Barreiros como o seu recuncho na comarca
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Elisa Vilaseca, no miradoiro da Barcela. JOSÉ Mª ÁLVEZ

A costa de Barreiros "ten sitios moi bonitos", recoñece Elisa Vilaseca Esquerdeiro, graduada en Turismo e técnica superior en Axencia de Viaxes e Xestión de Eventos, presidenta da asociación barreirense Ollomao e integrante da comparsa Os Macunos. Pero ela queda cun recuncho a carón da ría como o seu espazo no municipio, o miradoiro da Barcela. "É un miradoiro de madeira que se inaugurou o ano pasado e polo que acostumo a ir pasear co can todos os días porque está preto de onde vivo", asegura e destaca que o que o fai tan especial son "as vistas sobre a ría, que son moi bonitas, e de Foz" e o feito de que "por un lado ten monte e por outro mar". 

É un miradoiro diferente a outros cos que se pode desfrutar de Barreiros como os do monte Comado ou o de Penabor, que deixan vistas espectaculares do litoral. Para Elisa este punto ten, ademais das vistas, outros alicientes para incluílo nunha visita ao concello: "É un sitio tranquilo e non acostuma a estar moi concurrido, ademáis achegarte a el permíteche tamén coñecer a lagoa dos patos, que se atopa nas inmediacións e ao miradoiro que está en Pallares seguindo o Camiño Natural do Cantábrico". 

En plena natureza, achegarse a este enclave é especial e bonito calquera día do ano, pero Elisa elixe o outono e o atardecer como o momento que para ela garda o maior encanto do lugar. "Gústame moito ir polos paseos cando está a folla caída porque lles dá outra ambientación e fainos moi especiais e ao atardecer esa luz alaranxada que se xenera é preciosa", asegura. "Igual as vistas dunha praia son máis bonitas no verán, pero neste caso eu quédome sen dubidalo co outono", engade. 

Outro punto a favor de coñecer este lugar é o seu acceso, que é moi sinxelo e cómodo para calquera persoa. "É bonito achegarse a pé dende o Camiño Natural do Cantábrico, pero tamén se pode acceder facilmente en coche", indica Elisa, que subliña que o acceso está "entre casas e nunha zona aberta". 

Comentarios