Ángel Villada: "A miña paixón é espertar cos asubíos dos paxaros"

O secretario da Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto, ten na aldea de Carboeiro o seu lugar preferido no concello
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Ángel Villada, en Carboeiro. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Ángel Villada, secretario da Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto, é un dos encargados do mantemento deste oficio tradicional do que cada vez quedan menos expoñentes. Un oficio que é unha vida, por iso, o recuncho que elixe neste concello é o lugar no que naceu e está vencellado á tradición ferreira do municipio: a aldea de Carboeiro. "Temos que coñecer o medio no que nacemos ou vivimos para valorar, apreciar e respectar o noso contorno e tamén a relación dos humanos coa terra", asegura. 

Das cinco vivendas que forman o núcleo de Carboeiro, quedan actualmente tres. Unha delas é na que Ángel pasa algunhas fins de semana: "Carboeiro é un sitio moi tranquilo no que a miña maior paixón é espertar pola mañá cos asubíos dos carrizos e as papuxas comúns e tamén o ruído da auga no bandazo da moa que apenas me queda a 50 metros da casa". 

Por Carboeiro pasa a Ruta do Ferro, que percorre a esencia do concello. No seu percorrido pode verse a única moa de afiar que queda en funcionamento. "Este elemento etnográfico do río Ferreiravella é un dos 56 que había en funcionamento na década dos sesenta do século pasado", subliña Ángel. 

Carboeiro en si mesmo tamén forma parte da esencia mesma de Riotorto porque era alí onde se elaboraba o carbón vexetal, a base de madeira de uz ou de castaño, que fornecía as forxas dos ferreiros. "O proceso de elaboración facíase nas ladeiras do monte e a carón dos regos", relata Ángel, "a parte máis buscada era a cepa e a raíz de uz, madeiras moito máis duras que había que arrincar da terra facendo panca e cortándoas". 

A paixón que Villada sente aínda polo oficio de carboeiro é evidente, por iso quere lembrar os últimos que houbo na aldea: Pedro González Gallo, ‘O Caminero’ (1917-1994), Fernando Rodríguez Vispo, ‘ O Marelo’, (1917-2004) e Antonio Castañal Cerdeira, ‘Toño do Caseiro’ (1926). 

Comentarios