"A miña idea é sacar unha marca propia e poder pechar o ciclo"

O mindoniense Nando López García é un dos dez produtores de porco celta que existen na comarca. Poucos pero moi unidos, di Nando, que abriu esta fin de semana as portas da súa explotación en Couboeira para animar a outros, nomeadamente novos, a criar e para que o público vexa como se coidan estes animais.
Nando López García, cun dos animais. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera Nando López García, cun dos animais. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Medrou na aldea e sempre quixo vivir no campo rodeado de animais, algo que aos seus 37 anos só logrou a medias, porque aínda que cría porco celta a súa principal actividade segue a ser o peixe, que distribúe coa súa empresa Pescanor. Unha dedicación que lle gustaría deixar e dedicarse en exclusiva aos animais autóctonos e xa ten en mente sacar a súa propia marca e comercializar os embutidos; ou sexa, pechar o ciclo. 

Como se animou a apostar polo porco celta? 
A miña familia en Mondoñedo sempre tivo animais e a min gústame todo iso, pero metéronme na cabeza que tiña que estudar e fixen deseño de mobles. Traballei en varios sitios e en varias cousas ata que montei unha distribuidora de peixe, que compro nas lonxas de Burela e Celeiro, pero tamén vou á Coruña ou a Avilés e vendo a xeriátricos, peixerías, restaurantes… 

Pero non é o seu. 
Gústame, pero do estrés que levaba, polos horarios e a falta de sono, perdín a visión aínda que foi temporal e xa foi cando me replantexei todo e apostei por baixar o ritmo. Na Semana Verde de Silleda contactei con Asoporcel, a asociación que leva dúas décadas apostando pola recuperación desta raza autóctona, e animeime, porque eu sempre quixen vivir no campo e ter animais. 

Así, sen experiencia ningunha. 
Asegúroche que un rapaz novo sen experiencia que empece con quince ou vinte animais antes de que acabe o ano xa ten mercado máis, porque é algo que gusta e a día de hoxe é un éxito de negocio. 

Tanta demanda hai? 
Se tivese podería sacar 200 animais ao ano, aínda que eu crío menos da metade, pero a miña idea é ir ampliando e coller máis terras porque Couboeira xa se me queda pequeno. O que quero facer é sacar a miña propia marca e comercializar embutidos curados, porque agora vendo en fresco para a industria cárnica e directamente ao consumidor, que me encargan canais para conxelar. Eu teño a sorte de que toda a miña produción queda na comarca. 

A súa carne é cardiosaudable porque pasta fóra, come todo natural, cereais e hortalizas

Unha zona na que non son moitos produtores, pero si a meirande parte novos. Como é a relación? 
Pois moi boa, axudámonos todos e únenos o bo rollo e as ganas de traballar. Non somos máis de dez e xa nos chaman a pandilla do porco celta. 

E terán ata grupo de WhatsApp. 
Claro (risas). 

Que vantaxes ten esta especie fronte a outras? 
É unha raza de aquí e temos que apostar polo noso. Adáptase moi ben e come o que se produce en cada unha das estacións e a maiores alimentámolos con cereais, como avea, soia, trigo ou cebada, e tamén co excedente de horta, e mesmo aproveito terras que están en desuso para ter cabaza ou cabaciña para eles. É un animal que pasta sempre fóra, polo que a súa carne é cardiosaudable e o seu coidado non te saca doutras cousas, no meu caso a moto, da que son moi afeccionado. 

Seguro que a xornada de portas abertas desta fin de semana non é a última actividade que ten pensado. 
Outra idea é facer unha visita similar, pero de tarde e terminar cunha cea nun restaurante, e tamén está a posibilidade de facer xornadas en bares de comarca para promocionar o noso produto.

Comentarios