Adrián Ben, atleta de Viveiro

"Mentiría se dixera que non aspiro a pelexar polas medallas neste Europeo"

A tempada en pista ao aire libre de Adrián Ben, o atleta mariñao máis internacional, terá dende mañá un dos puntos máis relevantes coa disputa do campionato de Europa sub-23 en Gavle (Suecia)

2019071012301423021
photo_camera Adrián Ben, segundo pola dereita, nunha competición. SERGIO MATEO MARÍA

O deportista viveirés chega a Gavle para o Europeo sub-23 logo de acadar o seu terceiro título consecutivo de campión de España de categoría nos 1.500 metros lisos, proba na que competirá en terras suecas. O triunfo confirma o seu bo estado de forma, "pero cada carreira é un mundo", di, antes de afrontar a principal cita marcada en vermello no seu calendario. Despois chegará o Nacional absoluto, no que xa sabe o que é subir ao podio, aínda que agora mesmo Adrián está xa en terras escandinavas soñando cunha medalla o domingo.

O primeiro, felicitalo polo título de campión de España sub-23. Dende fóra parece fácil todo o que acada, pero seguro que non o é tanto.

Para nada, penso que foi o ano máis difícil. Tanto Nacho (Ignacio Fontes) coma Enrique Herreros, os dous que estarán tamén comigo no Europeo, foron rivais moi complicados. Os tres temos unhas marcas moi semellantes esta tempada e penso que calquera dos tres estaba en condicións para acadar o título. A verdade é que me soubo moi ben.

Deulle máis ánimo para afrontar o Europeo?

Pois si, sobre todo porque viña de dúas carreiras que non me convenceron en absoluto. En Francia foi unha carreira mala en xeral e no Trofeo Iberoamericano, en Huelva, penso que me equivoquei seguindo a quen non debía, descolgueime e perdín unha boa oportunidade de facer unha mellor marca.

A pesar do que di, chega a este Europeo con marcas mínimas para 1.500, 800 e 5.000, aínda que parece que tiña claro cal sería a súa distancia.

É verdade, competín nas tres distancias, pero por cuestións máis ben de calendario e preparación. A única idea era disputar en Gavle o 1.500 e para iso participei no campionato de España unicamente nesta categoría, xa que había que refrendar a mínima cun podio e puiden facelo.

A que enfocou máis a preparación, ao Nacional ou ao Europeo?

Ao Europeo sub-23, é o meu gran obxectivo da tempada, é onde quería estar e ademais chegar o mellor posible, é unha proba que me fai moita ilusión.

E chega con boas sensacións?

Moi boas, penso que chego nun bo momento e coa preparación axeitada, pero ás veces non é suficiente ter boas sensacións (risas). O que poida facer depende de como sexa a carreira, de como se atope un o día da proba, dos rivais... hai moitos condicionantes que inflúen moito no rendemento.

Un dos mellores deportistas xoves do mundo, o noruego Ingebrigtsen, non estará na proba ao ser aínda júnior, pero terá moitos rivais de calidade, preocúpalle algún en especial?

A verdade é que non quero pensar con demasiada antelación neste tipo de cousas. Na miña cabeza teño claro como quero correr e dende logo que tamén analizarei aos rivais cando chegue o momento, pero o fundamental é que eu dea o meu mellor nivel, xa que está claro que vai haber xente que corra moito, están os mellores do continente e iso é bastante para saber o difícil que vai ser.

Cal é o seu obxectivo neste Europeo?

Agora só penso na primeira carreira e en clasificarme para a final, despois xa poderei ter unha idea do que hai.

Daríase logo por satisfeito con entrar na final ou pensa nas medallas?

Digamos que o obxectivo é estar na final, pero mentiría se digo que non aspiro a algo máis e loxicamente teño a esperanza de poder pelexar polas medallas.

HORARIOS. Adrián Ben partiu onte co resto da expedición española para Gavle, onde mañá xa terá que saír a competir para disputar a rolda previa dos 1.500 metros lisos, a súa proba, xunto ao resto dos atletas que aspiran a seguir avanzando, primeiro ata as semifinais e despois ata a gran final do domingo. A primeira proba arrancará a partir das 19.00 horas. En caso de superar a primeira criba, Adrián Ben disputará a semifinal o sábado, a partir das 19.13. Asemade, a final dos 1.500 lisos correrase ás 18.15, e Ben confía en estar nela.

RETOS

Cada ano parece que rompe máis barreiras, tanto a nivel de títulos coma de marcas, está satisfeito coa progresión que está amosando nesta tempada?

En liñas xerais está sendo unha tempada un pouco rara, ás veces complicada. Como dixen antes penso que a preparación en xeral foi boa, pero a calidade das carreiras é a que marca un pouco as marcas que podes facer. A proba está por exemplo en Kevin López, que estaba correndo en 3.40 e nunha carreira moi boa que atopou foi capaz de baixar a 3.34, así que ao mellor aínda podo facer mellores tempos dos que teño. En canto a competicións oficiais, o título sub-23 foi unha alegría e agora a ver que pasa neste campionato de Europa, onde teño moitas esperanzas de facer un bo papel.

Despois chegará o Nacional absoluto onde xa acadou medalla o ano pasado.

É verdade, pero tamén o é que os atletas sub-23 preparamos a tempada en función das probas da nosa categoría, neste caso do Europeo sub-23, así que en principio a dificultade é maior.

E ve posibilidades de disputar o Mundial de Doha?

Pois a mínima dos 1.500 lisos está moi cara, pero aínda que me queda algunha carreira para intentar conseguila. Faríame moita ilusión poder participar, pero non me vou meter ningún tipo de presión, xa que non era un obxectivo real.

Comentarios