O Aumento do nivel de estrés e ansiedade dos últimos anos, incrementan a motivación de consumo de sustancias psicoactias, así como outras adiccións relacionadas co xogo, como forma de enfrontamento. Isto é o que se demostra en diferentes estudos e é algo que pode ver ao longo dos anos Mª Concepción Abad Alastruey no centro de asistencia de drogodependencias de Burela.
Os datos de adiccións aumentaron en adolescentes dende a pandemia. Iso como o ven vostedes?
Na UAD tratamos maioritariamente adultos, polo que o número de adolescentes a tratamento no noso servizo é moi reducido e non é un dato que reflicta a prevalencia do consumo de tóxicos nesas idades. Os menores de 18 anos que nos demandan axuda fano principalmente para deshabituación do consumo de cannabis, e na maioría dos casos, por ter sido sancionados pola tenencia da substancia na rúa.
Como pide axuda a xente? Inflúen as festas do verán, a desorde das vacacións e os desfases? Ou o comezo do outono?
Cando o consumo de drogas se produce neses contextos de festas e de ocio nocturno, no verán ao igual que ocorre no Nadal, increméntase a frecuencia dos episodios de abuso e por tanto o risco de consecuencias negativas e de perda de control. Detectamos maior número de demandas de tratamento cando rematan estas datas. Ocorre que setembro e xaneiro son meses nos que adoitamos facer propósitos de enmenda, de plantexarnos obxectivos e cambios.
Que se pode facer para pedir axuda ou cando se ten que acudir aos seus servizos?
O acceso á UAD de Burela é vía directa, non se precisa derivación por parte do médico de cabeceira nin doutro especialista, agás para os menores de 16 anos nos que si se esixe derivación por parte de Saúde Mental Infantoxuvenil. Atendemos ó ámbito territorial dos 14 concellos da Mariña lucense, cunha poboación de 68.000 persoas, e basta con poñerse en contacto con nós e concertar unha cita para iniciar o tratamento. O momento de pedir axuda é cando un dalgún xeito comeza a darse conta de que ten un problema con algunha substancia ou conduta aditiva e por si mesmo non consegue o cambio que desexa. Con respecto aos pais de adolescentes, pode suceder que o seu fillo ou filla non queira deixar o consumo e que eles non saiban como abordar a situación na casa. Nestes casos ofrecemos o que chamamos ‘Demandas de Información’, nas que un profesional da UAD proporcionará información e asesoramento á familia sobre o manexo desta situación complicada.
Que tipos de tratamentos ou plans hai na actualidade
Abordamos os trastornos aditivos en xeral, con ou sen substancia, e sexa esta legal ou ilegal, de xeito ambulatorio. A rede galega de adiccións dispón tamén de recursos de carácter residencial aos que poden ser derivados os pacientes que precisen esa modalidade. A UAD é un recurso de saúde mental, especializado na abordaxe dos trastornos aditivos e dende o que se atende tamén a presenza doutras patoloxías mentais comórbidas así como necesidades no ámbito social, en coordinación con outros servizos sanitarios e sociais cando é preciso. O equipo é multidisciplinar, polo que o usuario ou usuaria recibirá atención médica, psicolóxica e social.
Cando se ten un que alarmar por unha adicción?
Unha adicción é un trastorno mental e como tal debe diagnosticarse, porque non todo consumo, aínda que implique episodios de abuso, ten a condición de adicción. Falamos de trastorno aditivo só cando se cumpren os criterios diagnósticos, e uns dos principais son a perda de control sobre esa conduta e o uso continuado a pesar dos danos ocasionados.
É posible saír dunha adicción e retomar a vida como era antes?
É posible saír dunha adicción, aínda que debe terse en conta que o diagnóstico acompañará á persoa toda a vida posto que as recaídas son inherentes nestes trastornos. Deben aprender a manter os novos hábitos e evitar repetir os patróns comportamentais propios da adicción.
Cal é a situación das UAD galegas na actualidade?
As UAD ou UCA (Unidades de Condutas Aditivas) son recursos que funcionalmente dependen do Sergas pero que máis de 30 anos despois da súa posta en funcionamento seguen a ser xestionadas por concellos ou asociacións mediante subvencións. Esta situación mantén o estigma dos nosos pacientes e sitúaos nunha posición de desigualdade con respecto a outros doentes, mantén a marxinalidade e favorece que as adiccións se sigan a percibir como un vicio en lugar de como un trastorno mental, de feito, dos mais prevalentes.
Teñen suficiente persoal?
Hai UAD en Galicia con postos esenciais sen cubrir e nalgunha a situación é insostible. Dende fai dous anos os profesionais da rede galega de condutas aditivas e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en representación dos concellos que as xestionan, estamos a reclamar a integración destes recursos no Sergas, e o pasado mes de decembro constituíuse a comisión mixta entre a Consellería de Sanidade o Sergas e a Fegamp para tratar aspectos específicos da integración da asistencia a persoas con adicións. A Consellería elaborou un cronograma cos pasos que se ían seguir para facer efectiva esa integración, segundo o cal no mes de marzo terían que ter remitido un borrador do proxecto aos concellos, pero que nunca chegou, e seis meses despois seguimos sen resposta nin explicación por parte da consellería. Hai dúas cousas claras, unha é que a Administración autonómica é a que ten as competencias en sanidade, e a outra que os trastornos aditivos son trastornos mentais. Penso que a conclusión é obvia. Reclamamos o que consideramos xusto, concellos e profesionais seguiremos demandando unha atención que non discrimine ás persoas que sofren un trastorno aditivo.
Consecuencias: "A pandemia afectou ás pautas de consumo de drogas, ao xogo e á saúde mental en xeral"
O confinamento trouxo cambios nas pautas de consumo aditivas, así como na saúde mental.
O rastro da pandemia segue afectando a favor das adiccións?
O impacto da pandemia afectou ás pautas de consumo de drogas legais e ilegais, ás condutas aditivas como o xogo e, por suposto, á saúde mental en xeral. As persoas que sofren un trastorno mental como son os trastornos aditivos en moitos casos padecen ademais outro trastorno mental como o do estado de ánimo, de ansiedade, trastornos de personalidade ou mesmo psicóticos, entre outros.
Moito estrés polo medio?
Esta comorbilidade fai que sexa unha poboación especialmente vulnerable ao estrés que xerou a pandemia. As restricións do confinamento domiciliario e os toques de queda complicaron a adquisición das drogas ilegais ao diminuír a accesibilidade ás mesmas. Con respecto ao alcohol, o tabaco, os psicofármacos e o xogo online, nos casos nos que xa existía un patrón de consumo na casa, en xeral veuse incrementado ao ser empregado como ferramenta de afrontamento ao estrés. Co fin das restricións da mobilidade é certo que nos botamos á rúa, saímos moito intentando compensar esa carencia de contactos sociais da que viñamos, e volveuse a ter accesibilidade ás drogas e a situarse en contextos de consumo.
Que drogas se usan máis?
Analizando os datos de pacientes a tratamento, constatamos un incremento significativo de demandas para deshabituación do consumo de cocaína e do de cannabis no ano 2021, e en menor medida no 2022. No resto das substancias e no xogo os datos manteñen certa estabilidade.