O Centro M, un espazo en Burela especializado en todas as etapas da vida feminina

A matrona María González González Cociña ofrece asesoramento para mulleres de todas as idades
María González Cociña. JOSÉ Mª ÁLVEZ
photo_camera María González Cociña. JOSÉ Mª ÁLVEZ

"A matrona é a persoa que acompaña á muller dende que empeza a súa vida fértil ata a menopausia", asevera María González Cociña para recordar as moitas etapas polas que pasan as mulleres ao longo da súa vida e a necesidade de contar con asesoramento especializado en cada unha delas. Un espazo que vén a cubrir María co seu novo centro, que abriu as súas portas en Burela o pasado 25 de marzo, convertendo así á vila da Mariña nunha das tres localidades galegas en contar cun centro de atención integral á muller e á maternidade.

Un espazo bautizado como Centro M, non só pola letra de María senón tamén e sobre todo por outras palabras que van asociadas ao seu traballo: matrona, muller, menstruar, matriz, maternal ou mamar, ás que sen dúbida se poderían engadir moitas, pola cantidade de xente á que vai dirixida, pois "colle tantas cousas, desde ciclo menstrual, métodos anticonceptivos, embarazo, climaterio… ", asevera a matrona que apostou por regresar a Burela tras máis dunha década traballando en Barcelona.

Unha decisión meditada, á que deu un paso máis ao poñerse á fronte do seu propio negocio co fin tamén de cubrir un "baleiro" existente na bisbarra e que a xente tamén demandaba. De feito, está moi contenta da boa acollida que tivo e, como exemplo, conta que xa esgotou as prazas para un dos primeiros talleres que pon en marcha, un de alimentación infantil complementaria e o coñecido como BLW (baby led weaning).

Imparte técnicas para que a experiencia do parto sexa positiva

Nel, como no resto que levará a cabo relacionados coa crianza, ofrecerá "dunha maneira sinxela información actualizada e baseada en evidencias científicas" co fin de que os asistentes conten con información fidedigna. Entre os que ten pensado ofertar están o cepillado dos dentes dos bebés, tipos de sillas para o coche, primeiro calzado, motricidade e "todo o que poida ir xurdindo", pois son moitas as ideas que rondan pola cabeza desta profesional e nai.

MATERNIDADE. Está claro que unha das principais áreas de traballo é a maternidade e o parto, recalcando a importancia dunha primera visita preconcepcional, co fin de achegarse da mellor maneira á fecundación, xa que "ás veces descoñemos o estado de saúde no que nos atopamos e, en ocasións, xente que tarda en quedarse embarazada pode ser simplemente porque falte unha suplementación, por iso a importancia dunha analítica previa", lembra a experta. Incide tamén González Cociña na importancia de prepararse para o parto, xa que "a muller que vai ben preparada vai facer uso dos recursos sanitarios doutra maneira e non vai a ir ao hospital coa primeira contracción, pois xa entende que non é necesaria unha atención inmediata e que o parto forma parte dun proceso fisiolóxico".

Os obradoiros son variados e buscan facer tribo

Un momento no que busca que "as parellas poidan vivir o proceso do parto dende unha percepción natural, que perdan o medo e que teñan unha experiencia positiva", asevera, apostando por cambiar o concepto de que o parto é algo malo. "O parto doe, si, pero é unha dor que non ten por que implicar sufrimento e ademais é a única dor que nos vai traer algo bo", explica na súa aposta por humanizar os partos, un dos obxectivos dos profesionais, pero "ao final o hospital é o que é, aínda que en moitos sitios estase intentando que sexa o máis parecido ao parto na casa".

O Centro M ofrece cursiños para todo o proceso, dende preparación ao parto, posparto, primeiros meses, alimentación ou crianza "coa idea de que durante todo o proceso as mulleres teñen un lugar ao que vir, estean acompañadas, poidan resolver as súas dúbidas e se sintan acollidas. Os primeiros meses tralo parto son duros e é reconfortante estar con xente que está a pasar polo mesmo e faise tribo", conta a matrona, quen agarda facer cursiños de masaxes para bebés, de exercicios para a nais e axuda na lactancia materna. "A etapa do posparto é dura, pero con ferramentas e expectativas reais pódese levar mellor", di.

"Nos cursos de preparación abarcamos dende coidado do solo pélvico, parto, posparto, coidados do recén nacido e lactancia, todo antes do embarazo e así axúdase a que comecen a lactancia co bo pé, por exemplo, porque é un cambio moi grande, pero se sabes que vas a pasar por aí a vivencia é moi diferente", sinala.

A responsable de Centro M, ubicado na rúa Pardo Bazán burelesa, tamén será a encargada de impartir matronatación, unha proposta á que confía en poder sumar pilates ou as clases para maiores de 50, que empezaron esta semana. Todas estas actividades pódense consultar no Facebook ou no Instagram de Centro M.

Campamentos e zumba para nenos
O Centro M busca unha atención integral con propostas para toda a familia e unha das primeiras será unha aposta pola conciliación cun campamento para a vindeira semana, dirixido a nenos de entre tres e oito anos de idade, no que traballarán as emocións a través de actividades como as manualidades ou a lectura. Para os nenos haberá tamén clases de zumba para fomentar hábitos saudables.

Colaboracións. Unhas actividades que se poden ofertar grazas á colaboración de profesionais con formación diversa, como educadora infantil ou monitora deportiva, ás que poderían sumarse outras disciplinas como psicoloxía, logopedia e fisioterapia.

Comentarios