"De Maruja Mallo destaco a teima por estar na máis absoluta modernidade"

Antón Reixa está este xoves en Viveiro para a proxección e coloquio do documental que dirixiu sobre a artista, da que cre que non tivo o recoñecemento que merecía polo feito de ser muller
Antón Reixa, nun acto en Lugo. XESÚS PONTE (ARCHIVO)
photo_camera Antón Reixa, nun acto en Lugo. XESÚS PONTE (ARQUIVO)

"É un personaxe fascinante, unha muller absolutamente empoderada e moderna, que está na vangarda da pintura española do século XX e que se non fora muller tería máis recoñecemento, estaría en plena sintonía con Picasso". É a primeira aproximación que fai o polifacético Antón Reixa da pintora Maruja Mallo, cuxa vida e obra debulla no documental Maruja Mallo. Mitad ángel, mitad marisco que se proxecta ás oito e media desta tarde no Pastor Díaz, onde haberá un posterior coloquio co director.

Trátase dun evento de acceso gratuíto —dentro do ciclo do Concello de Viveiro sobre a artista— e agarda Antón Reixa que os espectadores "se fascinen por ela e se abra unha vía de curiosidade por unha vida e obra tan intensas". Recoñece que el xa admiraba a Mallo, polo que recibiu "encantado" o encargo de facer este documental por parte da Sociedad Española de Conmemoraciones Culturales e lembra que o plantexou como "unha divulgación desde cero do personaxe", como se o espectador non soubese nada dela.

Sinala Reixa que o nacemento da artista en Viveiro foi "unha circunstancia feliz" pese á súa breve estadía na cidade do Landro e que "sempre tivo un lugar no seu corazón para Galicia e unha especie de galeguismo intuitivo".

Sobre todo destaca que "vivía nunha elite cultural moi controlada por homes, incluso homes que se sentían fascinados por Maruja porque era unha persoa realmente atractiva, moi simpática, e iso moitas veces xogou na súa contra, pero ela ten moita personalidade propia e soubo sobresaír", afirma.

"É un personaxe fascinante, unha muller absolutamente empoderada e moderna, que está na vangarda da pintura española do século XX", asegura Reixa

Salvador Dalí, que foi quen a cualificou como "mitad ángel, mitad marisco"; André Bretón, pai do surrealismo que lle mercou un cadro nunha exposición en París; José Ortega y Gasset, "que se fascinou por ela por razóns máis extraartísticas que artísticas pero que lle organiza unha exposición"; Federico García Lorca, Pablo Picasso ou Luis Buñuel foron algúns dos personaxes máis influíntes para Mallo, que tivo con Rafael Alberti "un amor case tráxico, unha relación desgarrada".

Se algo resalta Antón Reixa de Mallo é "a súa constancia, a súa teima de estar sempre na máis absoluta modernidade; contra todas as circunstancias polas que vive sempre se mantén como unha artista sensible á maior innovación" e que sabe sobrepoñerse aos envites. Comenta que o seu exilio en Arxentina suponlle "construír unha vida nova, pero é unha traballadora incansable" e que cando regresa a España segue sendo "unha muller moderna", que se rodea da xuventude daqueles anos "e aí está nunha visita de Andy Warhol". Estes son tamén anos de soidade e artistas como Vázquez Cereijo ou Isaac Díaz Pardo contan no documental como Maruja chamaba por teléfono e podía falar durante horas.

RECOÑECEMENTO. Antón Reixa recibiu en decembro a Medalla de Oro al Mérito en las Bellas Artes concedida polo Goberno. "É unha sorpresa porque non é un premio ao que te presentes", di, e á parte do recoñecemento institucional serviulle para recibir moitos agarimos. "É bo ver como nos bos momentos, igual que nos que necesitas axuda, tes un entorno que te quere", sinala.

O artista lembra que desde que tivo un accidente no 2016 vive "integramente dedicado" ao seu traballo creativo na poesía, a música e os monólogos. "Aproveito os anos que me poidan quedar ao máximo para facer cantas máis cousas mellor", di o vigués, que recentemente cumpriu 65 anos.

Comentarios