Martiño Suárez Fraga: "Levo trinta anos dedicándome á música. Para min é algo máis"

Martin Wu, nome artístico de Martiño Suárez, fixo tantas cousas ao longo da súa vida que é complexo encadralo nunha soa categoría artística. Ademais de músico é xornalista, profesión que o fixo acercarse ao mundo da literatura. Este ano é o pregoeiro da Feira do Bonito.
 
Martiño Suárez Fraga. AEP
photo_camera Martiño Suárez Fraga. AEP

Martiño Suárez Fraga puxo todos os seus esforzos en facer da súa vida unha suma de disciplinas artísticas que o mantiveron sempre ocupado. Soubo compaxinar aquelas actividades que requirían do tempo e o esforzo como o ciclismo. Tamén exerceu como periodista, en medios escritos e agora tamén na radio. Desta vocación xornalística naceu a creación de dous libros que unen o deporte coa historia máis descoñecida, Bestiario no vestiario e  Bestiario no vestiario. Segundo tempo. Non obstante recoñece que a súa gran paixón sempre foi e será a música, a que leva dedicándolle toda a súa vida. Agora Burela, a súa vila natal, recoñécelle toda a súa multidisciplinar traxectoria outorgándolle o honor de ser o pregoeiro da trixésimo sexta edición da Feira do Bonito, que é este sábado.

É vostede un grande afeccionado ao deporte, en especial ao ciclismo, e na súa familia tamén. Mantense esta tradición nas seguintes xeracións?
Séguese mantendo, pero hai que facer esforzos. O meu fillo agora é un moderno e gústalle máis facer surf. Imos paso a paso. 

Nos dous libros que publicou, Bestiario no vestiario e Bestiario no vestiario. Segundo tempo, relaciona a historia precisamente co deporte, como nace a idea de facer esta unión?
Os dous libros están relacionados coas historias do deporte, do día a día. Son raras. Neles conto a historia con maiúsculas de deportistas estraños, cousas que chaman a atención... Nun principio foron artigos para diversos medios e ao final rematei por unilos todos nos libros. Os primeiros publiqueinos en Dioivo, unha revista dixital en galego que xa non está activa, e os segundos publiqueinos tamén noutra revista dixital.

Por que esa paixón e esforzo en darlle relevancia ao deporte?
O deporte na sociedade tomou case unha dimensión excesiva, o volume de historias que xera e que se poden sacar son infinitas, todo depende de nós. É un tema  inesgotable.

Como chega a coñecer estas historias?
Unhas vounas atopando de casualidade, outras son cousas que leo, outras que vou vendo... Un pouco de todo.

Unha das historias dos seus libros conta como as sufraxistas británicas montaban en bicicleta e iso era unha novidade.
Si, hai que entender que a bicicleta foi un instrumento absolutamente pioneiro para a revolución da muller. Podían moverse libremente sen depender doutras persoas para o seu día a día. Subirse á bicicleta e sentir a liberdade. Repartían panfletos coas súas reivindicacións. Era liberador.

Vai haber terceira parte?
A idea é que si (ri). Haberá se consigo enganar ao meu editor.

Tamén dedicou toda a súa vida á música.
Fago moitas cousas e ningunha me dá para vivir dela.

Fai a súa música en galego e moitos dos seus proxectos baixo o nome de Martin Wu, que é pouco galego.
É como Batman e Bruce Wayne, utilízoo para que non se descubra quen son, aínda que ao final non o consiga.

Pregón "Vou falar de como o bonito e a economía que xeraba o porto alimentou a toda a miña xeración"

Estivo nos grupos Fame Neghra, The Homens e agora en Grampoder con Le Roi, como vai esta última aventura?
Somos un grupo moi económico, unha das cousas que temos clara na nosa carreira é non deixar ‘pufos’ en ningún lado. A música dános para iso e para nada máis.

O estilo do grupo é complexo de definir porque atende moitos tipos diferentes como son o rock portátil, pop campestre, folk psicodélico, punk acústico ou hardcore comeflores. Como vai aparecendo esta variedade?
Basicamente somos dous tipos facendo o que nos apetece a cada momento. O  primeiro disco era máis folk, destacaba a guitarra. Agora temos máis potencia, somos máis de eléctrico, soa máis a batería e eu toco a guitarra. A vantaxe de ser pequeno ou case minúsculo coma nós é que a transcendencia é mínima. Facemos o que queremos, que para nós é o importante. 

Ten unha ampla traxectoria musical, como comezou a súa paixón por esta disciplina?
Eu levo trinta anos facendo música. Comecei a tocar en Burela, no bar Avenida con 17 anos. Nos anos 90 en Burela houbo unha morea de grupos, moito ambiente. Agora comeza a recuperarse, está o gran Nuno con Grande Amore que está a triunfar moito. 

Que significa para vostede entón a música?
A música é algo que vai máis alá, doutra forma non levaría trinta anos dedicándome a ela.

Traballou na Mariña e mesmo para este periódico. Mantén boa relación?
Por suposto, traballei man a man con grandes xornalistas. Agora levo vivindo fóra de Burela moitos anos, preto de Santiago. Aínda así vou moito, din que a túa patria é onde fuches ao instituto xa que todo o importante que che pasa na vida ocorre antes dos 18.

Veu entón moito á Feira do Bonito de Burela?
Adoito ir sempre que podo. Quen non faltan son o meu tío e as miñas primas que están sempre despachando os pratos e eu vou comer. Fíxome moita ilusión que Ledicia se acordara de min para dar o pregón, aínda que non sei se son merecedor de tal cousa.

Pode adiantar de que falará no pregón?
Un pouco de moitas cousas. De música e da importancia da movida que houbo en Burela nos anos 90, pero tamén do bonito. De como o bonito e a economía que xeraba o porto e todo o que había ao redor alimentou á miña xeración. Un pouco como se viviron eses anos dourados que por desgraza agora non o son tanto

Comentarios