Marta Rey: "Temos que cambiar cousas en regulación de tráfico e arranxar o problema cos aparcamentos"

A candidata do PSOE á alcaldía de Ribadeo será con total seguridade unha das aspirantes máis novas de Galicia, con 24 anos. Pero non bota balóns fóra: "Saímos a ser a lista máis votada"

Marta Rey. PABLO VILLAPOL
photo_camera Marta Rey. PABLO VILLAPOL

Marta Rey traballou arreo nunha lista que di xa ten rematada que estará chea de caras novas, de mulleres e de ilusión por volver a ter un proxecto de futuro. Non parece pesarlle nada a herdanza que recibe. Un partido, o PSOE de Ribadeo, con moitos problemas no pasado. Pero se lle afecta, non o aparenta.

Ten ideas para Ribadeo, algún proxecto estrela que presentará no seu programa e avanza unha candidatura chea de caras novas coa que quere recuperar a ilusión dun partido que foi importantísimo en Ribadeo e que, por circunstancias, foi indo a menos. Ela está disposta a cambiar esa dinámica. 

Como leva a lista? 

Está pechada, pero deuse a coincidencia das Xerais así que presentarémola despois, pero rematámola hai xa un mes. Será de maioría de mulleres e de xente nova. De feito a medida de idade é de 35 anos. 

Dise que a xente non quere saber nada de política. Foille difícil atopar xente? 

Moi sinxelo. Atopei moita colaboración de case todas as persoas coas que falei, a verdade. Non me levou nada de tempo. Presentáronme a mediados de xaneiro e a mediados de marzo estaba rematada. Foi moi rápido todo. 

Xa lle viu cousas a Ribadeo que querería cambiar? 

Penso que hai que cambiar cousas en materia turística, en regulación de tráfico e vexo unha eiva importante nos aparcamentos. Quero deixar moi claro que estou totalmente a favor de seguir coa humanización de rúas, pero non pode ser que eso non leve aparellado a habilitación de prazas de aparcamento, e iso non se fixo. Temos moitas menos que cando gobernou o PSOE de 2003 a 2007. Tamén hai carencias evidentes na iluminación do pobo. A rede quedouse moi anticuada e hai rúas que están totalmente a escuras. 

Con que aspiracións se presenta ás eleccións? 

Nós saímos claramente a gañar, a ser a lista máis votada. 

Un escenario factible é que o BNG precisara dos seus votos. Formarían coalición con eles? 

Para iso hai que esperar a ver os resultados e despois falaremos o que haxa que falar e tomaranse as decisións que haxa que tomar no seu momento. 

Para falar co BNG primeiro haberá que ver cales son os resultados e logo falarase do que haxa que falar

Tivo xa contacto con xente do PSOE a nivel galego ou estatal? 

Si, tiven bastante relación con Pilar Cancela en Madrid, á marxe por suposto de Álvaro Santos como responsable de Lugo ou Darío Campos. Froito desa relación con Madrid saíu a proposta de construir o apeadoiro de Feve nas Catedrais que tanto parece disgustarlle ao candidato do PP. Eu sei que Feve funciona mal, pero xa que está, haberá que tratar de aproveitalo e sacarlle proveito para Ribadeo. O goberno do PSOE non nos vai deixar tirados. 

As eleccións xerais están relativamente preto das municipais desta volta. Como o ve? Perxudicaralle ou pódelle beneficiar? 

Creo que nos beneficiará porque estou convencida de que o Partido Socialista vai saír reforzado das elecións xerais e iso tamén vai a ser bo para nós a nivel local. 

Só con cambiar algunha pequena cousa a xestión podería mellorarse moitísimo e case sen ningún esforzo

Vostede traballa no eido turístico e concretamente nas Catedrais. Como ve ese fenómeno practicamente mundial? 

É un tema que coñezo ben porque traballo nun grao sobre a praia e sei perfectamente como se pode mellorar a súa xestión. Non fan falla grandes cousas. eu estou convencida de que con medidas sinxelas, con mínimos retoques, os cambios ían ser importantes. 

Cambiaría outras cousas nese eido? 

Traballaría máis no turismo de congresos porque temos de todo para mellorar aí. E algunha sorpresa que irá no programa.

Comentarios