"A Mariña vive un cambio que espero que sexa favorable"

As crises abertas en Alcoa e en Vestas puxeron a comarca no punto de mira laboral e tamén aos sindicatos, que mobilizaron a sociedade para loitar por un futuro para A Mariña. Unha voz feminina neste tempo é María José Novoa, secretaria da unión comarcal de Comisións Obreiras. Unha muller optimista por natureza que confía nas potencialidades da zona. 
MARIA JOSE NOVOA , CIGA BURELA-FOTO JM ALVEZ
photo_camera María José Novoa. JOSÉ Mª ÁLVEZ

Sindicalismo en vena é o de María José Novoa. Dende a súa participación nunha das primeiras folgas da democracia ata ser elixida secretaria da unión comarcal de Comisións Obreiras en abril pasado, leva toda unha vida de loita polos dereitos dos traballadores. 

É esta unha época complicada para ser sindicalista?
Momento complicado para ser sindicalista é sempre, pero agora mesmo o complicado é chegar a acordos. Os traballadores queremos, coma sempre quixemos, un futuro, unha estabilidade, un seguro de traballo..., e as administracións teñen outras miras e teñen que cumprir coas expectavias da Unión Europea. Os sindicatos temos que buscar o equilibrio de contentar a uns e que a outra parte tamén poda facer o seu traballo para poder chegar a converxer con Europa en todos os aspectos e esa é a parte máis complicada. 

Como ve a situación na Mariña?
O que está pasando agora mesmo na Mariña recórdame, salvando as distanciaas, á reconversión industrial. Estamos nunha época de cambio e espero que ese cambio sexa favorable. 

En Alcoa decidiuse finalmente parar as cubas, ¿foi un bo acordo?
En Alcoa hai un acordo que hai que velar para que se cumpra, para que dentro de dous anos a fábrica se volva a poñer en marcha con todo o seu potencial e con todos os postos de traballo. Todo o mundo está ca mosca detrás da orella despois do que pasou en A Coruña e Avilés, pero quero confíar en que cheguemos a un momento no que as inversións cheguen a dar o seu resultado e se poda volver a empezar a producir, aínda que entendo que haxa preocupación. 

Pensa que esta decisión de parar as cubas pode non entenderse na sociedade mariñá?
Eu dixen moitas veces que hai que estar nos zapatos de quen toma as decisións. A sociedade debería entender a decisión que se tomou. Os traballadores de Alcoa estiveron pelexando ata o último momento  e vale que se dixo que as cubas non se paraban e pararonse, pero temporalmente, e creo que temos que ser por un lado, respetuosos e por outro, ter empatía porque tampouco sabemos o que tería sido se non se firmara ese acordo. 

Os traballadores de Alcoa estiveron pelexando ata o último momento e temos que ser respectuosos coa decisión que tomaron

Cree que esta nova situación vai influír na economía comarcal?
En principio non debería, pero tamén é lóxico pensar que os traballadores da propia fábrica e das auxiliares teñan unha inquedanza de como será dentro de dous anos e o ritmo de gasto que tiñan agora baixe. De tódolos xeitos na Mariña xa levamos tempo que se está retraendo a economía e aquí a pandemia fixo moito dano, pero quero confíar en que vamos saír desta. 

Outro dos puntos quentes estes meses estivo en Vestas. 
Persoalmente, a min este caso impactoume máis porque estamos falando dun sector que está en auxe. Estase falando de que os aeroxeneradores son o futuro, polo que si o que produces aquí se quedou obsoleto, pois modernízate. 

Pensa que é factible aínda unha venda da planta de Chavín?
Aí terían que facer o seu traballo as administracións porque si que é certo que moitas veces estamos un pouco deixados, tanto dende a administración autonómica como central. Cando fixemos a folga estiveron tanto PP coma PSOE, pero aos poucos días rexeitaron un plan de reindustrialización para A Mariña, uns en Santiago e os outros en Madrid e iso é o que non pode ser. 

Se xa temos unha especie que nos deseca a terra, que menos que sacarlle algo a maiores e que Altri veña para esta zona

Falando dese plan de reindustrialización, que tería que ter?
Habería que facer un estudo amplo e en profundidade, pero dous exemplos serían exploar o tema do mar en todas as súas vertentes, como coa industria conserveira, e igual tamén sería bo contar con algunah cooperativa agraria máis. 

Ve factible a chegada de Altri?
Dixeron que viña para A Mariña xusto a semana antes de que fora a manifestación de outubro e dende aquela non houbo máis noticias. Estamos falando de que é unha empresa que utiliza o eucalipto e aquí haino a punta pala, polo que se xa temos unha especie que nos deseca a terra, que menos que sacarlle algún beneficio a maiores. 

Que lle falta á Mariña para atraer máis industria?
Infraestruturas. Se tiveramos un tren que puideramos utilizar para transporte, se tiveramos unhas carreteras que chegaran onde tiñan que chegar e se tiveramos unha área portuaria cun bo acceso, a oferta que se pode facer desta zona melloraría nova. Son reivindicacións de anos que non se cumpren. 

Se a comarca contara cunhas boas infraestruturas, tería unha mellor posición para atraer proxectos

Cal tería que ser o papel aquí das administracións locais?
Eu pediríalle aos alcaldes da Mariña que ante determinadas cousas se uniran e deixaran as cores a un lado. Penso que é básico que ante peticóns para A Mariña vaian todos xuntos e que nonintenten pisarse uns a outros porque si eso se levara a cabo, probablemente, se consiguiría bastante máis do que se está conseguindo. 

Esa unidade política, existe nos sindicatos? 
A nivel de pedir un futuro para A  Mariña estamos todos unidos e creo que o demostramos día a día. Aí temos a plataforma Futuro para A Mariña e a sanitaria nas que estamos os tres sindicatos. Cando estamos reivindicando algo para a zona non hai fisuras. 

Pero a nivel individual si se viron algúns conflictos.
Son casos puntuais. Evidentemente non temos as mesmas ideas nin interpretamos as cousas do mesmo xeito, polo que a nivel de comités de empresa poden surxir roces. Pero unha cousa é o que pasa nunha determinada empresa e outra o que é a nivel Mariña, aí vamos todos no mesmo barco. 

É optimista co futuro?
Si, sempre o fun. Pode ser que pasemos anos duros, pero despois todos se vai ir amañando. É certo que poden quedar cousas no camiño, pero poden saír outras. A Mariña ten moito que ofertar para atraer industrias, para avanzar en temas vinculados ao mar e á agricultura. Igual nos temos que reinventar, pero vamos saír sen problema. 

A Mariña ten moito que ofertar e, igual, nos temos que reinventar, pero vamos saír adiante

Hai algo que lle preocupe especialmente?
Vou contestar dende a miña faceta como secretaria de muller e igualdade de Comisións porque vexo que, por un lado queremos chegar a unha igualde real, a unha corresponsabilidade e por outro estanse pemitindo unha serie de xogos e de conductas que fan fincapé nos roles de sempre. Parece que avanzamos, pero despois ves cousas nas que parece que retrocedemos e, sobre todo, nas xeracións máis  novas e iso é un cambio moi perigoso.

Comentarios