A Mariña, o escaparate ideal para disfrutar dunha amena escapada de outono

A Mancomunidade oferta rutas guiadas e propostas co plan Turismo Slow Norte de Galicia
Visitantes, facendo á Ruta dos Fornos, en A Pontenova.
photo_camera Visitantes, facendo a Ruta dos Fornos, en A Pontenova. EP

A COMARCA da Mariña sempre merece unha visita, pero no outono é un momento ideal para desfrutar dunha escapada. Unha época do ano, no que a bisbarra preséntase como un escaparate ideal para disfrutar dos seus recursos dunha maneira sosegada. Entre as experiencias que se ofertan están dúas auspiciadas pola Mancomunidade de Municipios de A Mariña Lucense, unha con rutas guiadas e outra con propostas en torno á natureza e o benestar, dentro do programa Turismo Slow Norte de Galicia.

A Mariña en Ruta é o título do proxecto, que este ano celebra a súa cuarta edición e que se prolonga durante os meses de outubro e novembro, cun total de dez roteiros, guiados por persoal cualificado e que se caracterizan por ofertar propostas diferenciadoras diversas e inclusivas. Así, as catro actividades levadas a cabo ata o de agora permitiron facer a Ruta dos Fornos por A Pontenova e baixar pola tirolina; seguir as pegadas do pasado na costa de Xove, visitar o porto das xentes do Norte en O Vicedo ou batear ouro en Alfoz.

Unhas ideas ás que seguirá un recorrido pola Burela castrexa e medieval para e, xa en novembro, facer a Ruta dos Pozos de O Valadouro (o festivo do 1), seguir os pasos da peregrinación medieval en Lourenzá (o 5), percorrer o pasado en Trabada (o 12), facer unha visita ornitolóxica á Ría de Foz (o 19) e coñecer a vida aos pés de dita ría, na parte de Barreiros (o 26).

Unhas rutas, de entre dúas e tres horas, para as que se poden facer as reservas a través da web de turismo de A Mariña. Tamén informan no correo electrónico enruta@amarinalucense. gal o no 644.00.97.22.

Na web turismoslow.gal recóllense as alternativas doutro dos proxectos nos que traballa a Mancomunidade de A Mariña, neste caso coa de Ferrolterra, e que busca apostar por escapadas sostibles, respectuosas coa natureza e coa xente que vive no territorio, para o que se conta ademais co apoio de empresas e traballadores do sector turístico, co fin de promover a desestacionalización. En total, son 52 os aloxamentos que participan neste proxecto, dos que 27 son mariñáns.

Barreiros é Foz son os protagonista de dúas das seis propostas programadas. A primeira, que terá lugar a vindeira fin de semana é un obradoiro de fotografía creativa, que se desenvolverá no hotel Rías Altas barreirense. Os Tres Eixos, en Foz, acollerá do 4 ao 6 de novembro un programa de crecemento persoal. Actividades que se complementan con outras en Ferrolterra ata o 12 de novembro.

O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, destaca a importancia de ambas propostas para dar a coñecer os importantes recursos que ten a comarca e que se aposta por potenciar en temporada baixa. Unha axuda á dinamización que busca tamén atraer a un turismo de proximidade "para que a poboación local poida descubrir máis aspectos sobre a súa comarca", pero tamén para fomentar "escapadas de turismo interno de Galicia e comunidades autónomas próximas", recalca Cajoto.

En A Mariña en Ruta o éxito de anteriores edicións levou a repetir a iniciativa neste, cunha boa acollida nas feitas ata o de agora, completándose as prazas, e con lista de agarda nalgunha delas.

Comentarios