María Vila Batán: "Ás veces pénsoo moito antes de pedir un café"

A gañadora do Campionato de Baristas de Foz é unha lalinense de 19 anos que compaxia os seus estudos de Ciclo Medio de Servizo e Restauración no IES Vilamarín co seu traballo nun establecemento da localidade

María Vila Batán, recibindo o seu premio. EP
photo_camera María Vila Batán, recibindo o seu premio. EP

Mentres volve a Lalín dende Foz, atende a través do mans libres do seu coche a chamada deste xornal. Despoisde disputar, e gañar, o XI Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería, organizado polo instituto da localidade lucense, quedou un día máis na proba «para ver actuar aos profesionais, dos que sempre se aprende algo», afirma. A lalinense María Vila Batán, de 19 anos, estuda segundo curso do Ciclo Medio de Servizos e Restauración no ourenseán IES Vilamarín, formación que compaxina co seu traballo no establecemento hostaleiro de Lalín Forgar de Bregán, dende hai dous anos. No vindeiro curso quere realizar o Ciclo Superior.

Foi o seu primeiro campionato e deu na diana logrando a primeira posición. Como se preparou para esta proba?
Si, era a primera vez que ía a un campionato e tamén a primeira vez que me preparaba para algo así. Adestrei durante arredor dun mes e medio. Axudoume un amigo que se dedica á hostalería. Antes de nada, quero aproveitar para darlle as grazas ó meu adestrador, á xente que fixo posible que puidese estar aí e á miña familia.

Que tarefas tivo que desempeñar no campionato?
Tivemos que facer catro expressos, catro capuchinos e catro cócteles de elaboración propia.

Cal foi a súa aposta neste último?
Fixen un cóctel caseiro con sirope de azucre de coco e piña e unha escuma de piña natural e mosto branco.

Houbo algo que lle servise especialmente de inspiración?
Prepareime vendo os vídeos de competidores doutros anos.

Que lle dixeron os seus compañeiros? Imaxino que para o centro no que estuda a súa vitoria tamén sería motivo de orgullo...
Si, chamáronme cando saín. Estaban todos moi contentos.

Que lle fixo decantarse pola hostalería? Ten tradición familiar?
A verdade é que sempre me gustou. Meu avó foi camareiro e meu padriño e meu tío, tamén. As miñas irmáns son camareiras e eu estudo e traballo dende os 16 anos. Nun mes teño as prácticas. Vounas facer no Kubos, en Lalín.

Vendo o éxito que acadou no campionato e os coñecementos que ten sobre a materia, é das persoas que o pensan antes de pedir un café dependendo en que bares?
Si, ás veces pénsoo moito (ri). Cada vez hai máis xente que se preocupa por ter un bo café, pero tamén é certo que hai outros que levan moitos anos facendo o café que quere a xente. Para gustos, cores...

Cal é para vostede o café perfecto?
Inflúen moitas cousas. Ten que ser un bo café, estar ben tostado. Todo o traballo que ten o café é impresionante e moitas veces non está ben valorado. Os que podemos facer un bo ou un mal traballo, despois da xente que o cultivou, somos os baristas.

Comentarios