María Luisa Otero: "Ao saír os demais, hai que saír aínda que faga mal tempo"

Esta xovense manda unha embarcación artesanal, pero dende rapaza está vencellada ao mar. Empezou collendo calamares no verán ata que seu pai tivo un accidente e decidiu facer da pesca o seu oficio.
María Luisa Otero Domínguez.AMA
photo_camera María Luisa Otero Domínguez. AMA

A tamén armadora está agora á fronte da lancha Miremar, feita por completo de novo despois de mandar ao desguace á chamada Rocío del Mar, que era de madeira e tiña xa 50 anos. Non lles resultou fácil desfacerse dela despois de levar toda unha vida acostumados a traballar con ela. María Luisa Otero Domínguez quitou os títulos para poder levar o barco no ano 2013 porque o seu home andaba fóra —pescabapeixe espada en Sudáfrica—. Ao retirarse o pai decidiron facer a nova embarcación.

Como empezou no mar?
Cando era rapaza, ía sempre nun chalano de remos aos calamares todo o verán, polas tardes, porque a praia non me gustaba moito, bañabame e logo ía pescar. Despois estiven traballando de asistenta de fogar, caseime e meus sogros enfermaron, tiven a nena e parei para coidalos. Logo cando meu pai caeu no percebe, eu estaba sen traballo e miña nai animoume a sacar a competencia e empecei air con meu pai. O mar sempre me gustou.

Acaba de estrear o novo barco. Cambia moito o traballo nel respecto a facelo no vello?
Empezamos hai dúas semanas, a outra lancha tiña 50 anos e era de madeira, esta é de fibra e máis grande, ten tres metros máis que xa se notan —nove fronte aos seis da anterior—, a outra non tiña cuberta nin nada, esta xa ten. Facíanos falla para poder competir cos demais. É máis segura, pois aínda que che veña o mar non se apaga o motor. 

Traballa co seu home, como levan o feito de pasar tantas horas xuntos, no traballo e fóra?
É diferente, el cando estaba en Sudáfrica viña á casa soamente cada tres meses e agora vémonos todos os días. Lévase ben unhas veces e outras tamén hai discusións, unhas veces perde un e outras o outro.

Facíanos falla unha embarcación nova para poder competir cos demais, e máis segura e máis grande cá outra

El vai de mariñeiro con vostede. 
Si, o meu home quitou o título de patrón local, eu teño o de patrón polivalente, pero nunca se sabe porque pode caer un de baixa e non é o mesmo ter que contratar un tripulante con título que un que non o ten. De momento lévoo eu porque a el faltalle un cursiño sanitario que ten que facer, mentras que eu xa os teño todos. Por iso despacho eu, pero en caso de que caese de baixa podería facelo tamén el.

Pero cando hai mal tempo, saen igual a faenar?
Se saen os demais hai que saír, se está moi malo non, porque non se pode poñer un en perigo. Pero senón saímos, agás que non se poda, porque hai que defender o traballo.

Supón moita inversión facer unha embarcación nova.
É moi costosa, porque metemos todo de novo, xa que da outra ao ter 50 anos non puidemos aproveitar nada máis que os aparellos de pesca e algún aparato, pero é un esforzo importante. 

E como se paga?
Unha parte pagámola cuns aforros que tiñamos e o resto é financiado, pero houbo que facelo porque a lancha vella non ía aguantar, pois xa metía auga, había que achicala todolos días, polo que era un perigo. Pagou a pena, porque traballase moito máis cómodos, é moi diferente.

Cando o home estaba en Suráfrica viña a casa soamente cada tres meses; agora vémonos todos os días

Que pescan nesta época do ano?
Agora andamos ao polbo, mañá temos que carretar todo porque imos cambiar para o verdel, ao curriolo, e no verán imos ao percebe, pois temos unha lancha auxiliar. Agora temos catro plans de explotación —permex—, que imos usando segundo nos convén, porque para maio vaise vedar o polbo, agora vén o tempo da xarda e logo cando collamos cota volveremos ao polbo e se non podemos iremos aos miños. Hai que traballar no que máis se quita. 

É difícil gañarse á vida traballando no mar?
Moi fácil non é, porque todo son impostos, do que gañas quitanche moito, xa de Seguridade Social son 500 euros ao mes, e máis os gastos que sempre tes algún de efectos navais. E que non haxa avarías, que agora esperamos non ter, porque a embarcación é nova. Hai que traballar, non podes quedar na casa, porque o traballo deféndese indo ao mar.

Trátana diferente por ser muller?
No porto en Morás trátanme moi ben, son un máis.

Comentarios